Comunicado sindical ante a situación de excepcionalidade política que se vive en Catalunya

A prol da liberdade das persoas encarceradas, o regreso das exiliadas e a supresión do 155

Nacional -

Organizacións sindicais, entre as que se atopa a CIG, veñen de emitir un manifesto conxunto diante da situación que se está a vivir a día de hoxe en Catalunya  “de auténtica excepcionalidade política”,  en rexeitamento ás actuacións antidemocráticas do Estado español, e na defensa dos dereitos do pobo catalán e dos seu lexítimos/as representantes.

COMUNICADO SINDICAL

Os sindicatos asinantes, en representación da clase traballadora de Catalunya, País Valenciá, Galiza, Euskal Herria, Canarias, Andalucía, Asturias, Illes Balears e o Estado español, ante os feitos feitos que novamente están sucedendo en Catalunya, queremos manifestar o que sigue:

A situación que se está vivindo a día de hoxe en Catalunya é dunha auténtica excepcionalidade política, polas actuacións anti-democráticas do estado que nos lembran épocas que, aínda sendo por todos e todas coñecidas, non deixan de restar gravidade á situación.

O pasado venres, o xuíz Llarena enviou a prisión a 12 membros do Goberno catalán e a dirixentes de entidades soberanistas, mentres que Marta Rovira tivo que coller o camiño do exilio para evitar o seu ingreso na cadea. E por se isto fora pouco, onte, 25 de marzo, a policía alemá detivo o president Puigdemont, tras a orde de detención internacional ditada polo Estado español.

Os sindicatos asinantes consideramos estes feitos de extrema gravidade e creemos que xa hai demasiado tempo que a maquinaria represiva do Estado español chegou demasiado lonxe. A alternativa á negativa a establecer un diálogo coas institucións de Catalunya para pactar unha saída consensuada e dialogada ás lexítimas reivindicacións do pobo catalán, foron a aplicación do artigo 155 da Constitución e a represión, con máis de 1000 feridos/as, durante o referendo do 1 de outubro; o encarceramento dos presidentes da  ANC e Omniun, de membros do Govern de Catalunya, mentres que outros tiñan que tomar o camiño do exilio, as imputacións constantes e o exilio da militante da CUP Anna Gabriel, e, finalmente, as últimas 13 detencións e o exilio de Marta Rovira, coa gravidade de que o último detido é o lexítimo presidente elixido polo pobo de Catalunya, que foi destituído do seu cargo pola aplicación do 155 e a quen máis tarde se lle negou a posibilidade de ser de novo President cando a vontade da maioría do parlamento elixido polo pobo de Catalunya era investilo president.  

Rexeitamos e sentímonos tamén ameazados e ameazadas por esta fixación do Estado español de recorrer á represión en múltiples formas: embargos, procesamentos, cárcere, ou exilio; como contestación á manifestación da vontade política do pobo catalán, expresada nas urnas, a favor dun referendo de autodeterminación e, en todo caso, a favor da superación do marco autonómico.

Consideramos que se está a perseguir aos e ás dirixentes de Catalunya polo simple feito de expresar libremente as súas ideas e nas sedes das institucións políticas constituídas democraticamente, conforme á legalidade e lexitimidade que lle deu o pobo catalán, sen que, en ningún momento, cometeran delito ningún de sedición nin rebeldía. A única violencia que denunciamos é a policial e xudicial que está exercendo o Estado español, unha violencia impropia dun estado minimamente democrático.

Todo isto demostra a falta de vontade do Goberno español para buscar unha vía de diálogo e consenso que dea resposta ás reivindicacións expresadas polas institucións catalás. Dicíasenos que por vías pacíficas e democráticas todas as ideas e proxectos políticos eran defendíbeis, pero se algo se está pondo ao descuberto no Proceso de Catalunya, é que todo isto non era certo.

Por iso, as organizacións abaixo asinantes esiximos a liberdade de todas as persoas encarceradas, o regreso das persoas exiliadas, a supresión da aplicación do artigo 155 e a restitución plena das institucións catalás. E que se respecte a vontade popular exercida polo pobo de Catalunya no referendo do 1 de outubro e nas eleccións do 21 de decembro.

Para finalizar, amosamos toda a nosa solidariedade a todas as persoas represaliadas e a todo o pobo de Catalunya nestes duros momentos, e facemos un chamamento á participar nas mobilizacións convocadas para manifestar o rexeitamento a esta escalada represiva e na defensa dos dereitos do pobo catalán e os seu lexítimos/as representantes. O pobo de Catalunya pode contar todos nós e con todas nós.

Asinado: Confederación Intersindical Galega, Sindicat COS, Intersindical CSC, CSI Asturies, CUT Aragón, CUT Galiza, ELA Euskal Herria, Intersindical Alternativa de Catalunya, Intersindical Canaria, Intersindical Valenciana, LAB Sindikatua Euskal Herria, SAT Andalucía, STEI Illes Balears, STEILAS Euskal Herria

Volver