Comunicado conxunto de condena ao xuízo que Marrocos fará contra activistas saharauís

Organizacións sindicais, sociais e políticas chaman a participar nun novo acto solidario o luns 23 en Vigo

Vigo -

Diversas organizacións, entre as que está a CIG, chaman a participar na concentración solidaria convocada para o vindeiro luns, 23 de xaneiro, diante do MARCO de Vigo, coincidindo co xuízo que o Reino de Marrocos fará contra 24 activistas saharauís. Coa protesta, que comezará ás 12 horas, quérese reclamar tamén a fixación xa dunha data para a celebración do Referendo de Autodeterminación ao que a pobo saharauí ten dereito.

O pasado 26 de decembro realizouse unha primeira concentración en Vigo por este motivo, coincidindo coa data do xuízo, que finalmente foi suspendido até este 23 de xaneiro.

Comunicado conxunto:

Van cumpridos xa seis anos desde que o 8 de novembro de 2010 as forzas de ocupación do Reino de Marrocos desmantelaron o Campamento de Gdeim Izik, ás aforas do Aaiun, capital do Sáhara Occidental, atacando brutalmente á poboación civil saharauí, invadindo o campamento, queimando as súas haimas, lanzando gases lacrimóxenos e auga fervendo desde os helicópteros sobre a poboación, e estabelecendo unha loita corpo a corpo con ela, nunha acción represiva inxustificábel que ten causado centos de feridos/as e algunhas mortes, entre elas, a do neno de 14 anos Elgarhi Nayem.

Lonxe de render contas diante da Comunidade Internacional por estes feitos, o Reino de Marrocos respondeu coa detención arbitraria de 25 saharauís, acusándoos de organizar dito campamento e participar nesa acción pacífica, coa que máis de 30.000 saharauís quixeron mostrar a súa protesta contra as violacións dos Dereitos Humanos por parte de Marrocos, as desigualdades ás que están sometidos/as, o despedimento masivo de traballadores/as saharauís, os xuízos arbitrarios e sen garantías e o saqueo dos seus recursos naturais (fosfatos, pesca,…). Converten con isto ás vítimas en culpábeis.

Dous anos despois dos feitos, o 17 de febreiro de 2012, foron xulgados sen ningún tipo de garantías e condenados por un Tribunal Militar a durísimas penas de prisión: nove a cadea perpetua, catro a 30 anos, sete a 25 anos, tres a 20 e dous a dous anos. Logo das presións e mobilizacións esixindo a anulación do xuízo e a liberdade dos presos políticos, o xuízo militar foi anulado polo tribunal de casación, pero continúan no cárcere e volverán a ser xulgados, esta vez por un Tribunal Civil de apelación en Rabat, este 23 de xaneiro.

As organización que subscribimos este comunicado queremos expresar a nosa solidariedade cos presos políticos saharauís e rexeitamos este novo xuízo. Consideramos que o Reino de Marrocos non ten lexitimidade nin competencia para actuar contra eles, xa que non ten xurisdición algunha sobre o Territorio do Sáhara Occidental (tal e como ditan as resolucións internacionais e da propia ONU), condenamos as accións violentas que se levaron a cabo contra o campamento e os posteriores procesos de condena e encarceramento, e rexeitamos un novo xuízo que encausa a persoas inocentes, incriminadas por unha protesta pacífica, na defensa dos seus dereitos.

Este novo xuízo é un episodio máis nun proceso de ocupación que dura xa máis de 41 anos, saltándose todas as resolución internacionais e sentenzas ao respecto, e atrasando a celebración dese referendo polo dereito de autodeterminación do Sáhara Occidental, erguendo muros no seu territorio, sementando minas e condenando ao exilio a centos de miles de saharauís refuxiados/as nos campamentos de Alxeria, mentres outros/as son perseguidos/as e represaliados/as no seu propio territorio. Só o cese da ocupación, o respecto polos dereitos humanos, a posta en liberdade de presos políticos e o exercicio do dereito á autodeterminación do pobo saharauí poden achegar unha solución ao conflito.

Por todo isto, CONDENAMOS O XUÍZO QUE O REINO DE MARROCOS FARÁ O DÍA 23 CONTRA ACTIVISTAS SAHARAUÍS, E ESIXIMOS A ELIMINACIÓN DAS SÚAS CONDENAS E A SÚA INMEDIATA LIBERACIÓN, ao tempo que insistimos en reclamar o cese da ocupación polo Reino de Marrocos e que se cumpran as resolucións internacionais, fixando xa unha data para a celebración do Referendo de Autodeterminación ao que a pobo saharauí ten dereito.

Volver