Cómpre intensificar a loita na negociación colectiva para poder acadar convenios dignos

Nacional - 11 Xul 2025

Sen organización e conflito non hai posibilidade de avanzar en dereitos e mellorar as condicións de traballo. Neste camiño, a negociación colectiva convértese nunha das ferramentas máis efectivas que ten a clase obreira fronte á patronal e a folga no eficaz instrumento para conseguir melloras salariais e laborais reais.

No actual contexto de carestía e extensión da precariedade, loitar por uns convenios colectivos dignos debe ser a consigna a aplicar. Sábeno ben as traballadoras das residencias privadas da terceira idade e centros de día que levan seis xornadas de folga e incontábeis accións de protesta en resposta ás pretensións da patronal de deixar as táboas do convenio por debaixo do SMI e non introducir ningunha mellora na xornada nin nas coberturas das baixas. 

No IX Congreso Confederal, a CIG comprometeuse a redobrar esforzos para construír un Marco Galego de Relacións Laborais con plenas competencias lexislativas

Na súa loita pola dignificación coinciden coas compañeiras dos atomizados Servizos de Axuda no Fogar, nos que a conflitividade agroma a diario polas pésimas condicións laborais e o bloqueo da negociación para renovación do convenio galego, dende hai anos.

A aposta pola mobilización é tamén o camiño elixido polas traballadoras e traballadores do comercio de alimentación da provincia de Ourense, que o pasado mes de maio fixeron historia ao convocaren por primeira vez folga no sector. A esta exitosa xornada seguíronlle dous días máis de folga en xuño nos que se conseguiu paralizar a actividade das principais empresas (Gadis, Froiz e Cuevas) e sacar ás rúas a milleiros de persoas que clamaron por unha mellora substancial das súas condicións laborais.

Outro sector que está en loita é a limpeza da Coruña. Armadas coas súas características fregonas amarelas e logo dun ano de negociación sen avances, as traballadoras acordaron retomar as accións de protesta ante o inmobilismo da patronal estatal ASPEL, que se nega sequera a garantir subas salariais acordes ao IPC.

Non é casual que a conflitividade ferva nestes sectores altamente feminizados, precarizados e con escaso recoñecemento social. As traballadoras están fartas de soportar condicións de escravitude e salarios de miseria e, no caso dos coidados, cheas de aturar que as administracións públicas (responsábeis de prestar uns servizos de calidade) se desentendan das súas obrigas, privatizando os servizos, consolidando a precariedade e a pobreza, mentres grandes grupos empresariais engrosan a conta de beneficios.

Diversidade de sectores

Pero a conflitividade esténdese por todo o país e nos sectores máis maltratados, como o das panadarías de Lugo. O persoal deu comezo a unha campaña de mobilizacións para reclamar melloras salariais e laborais reais nun convenio con baixos soldos, que ten unha das xornadas anuais máis desfasadas e un alto grao de penosidade polos seus horarios.

Neste contexto, a patronal trasladou unha oferta de miseria que suporía deixar os soldos moi por debaixo do SMI e ningunha mellora laboral. En resposta, as protestas iniciadas na cidade de Lugo estanse intensificando e estendendo ao resto da provincia.

Pola súa banda, o persoal do siderometal de Ourense estase mobilizando dende o mes de maio para reclamar un convenio colectivo digno cunha suba salarial que compense a perda de poder adquisitivo e unha redución de xornada. Da patronal continuar co seu inmobilismo, as protestas, lideradas pola CIG, irán en aumento.

Marco galego

No IX Congreso Confederal, a CIG comprometeuse a redobrar esforzos para construír un Marco Galego de Relacións Laborais con plenas competencias lexislativas, e un modelo galego de negociación colectiva que combata a precariedade e a pobreza laboral. A modificación lexislativa que prioriza os convenios ou acordos interprofesionais autonómicos sobre o marco estatal constitúe unha oportunidade para facer efectiva esta reivindicación histórica.

Con este obxectivo, as federacións de Industria e de Construción e Madeira da CIG (como forza sindical maioritaria) puxeron en marcha campañas de presión para instar as respectivas patronais a avaliar a posibilidade de negociar convenios galegos para o sector de siderometal e da construción, que permitan superar as limitacións impostas polo marco estatal, melloren as condicións de traballo e blinden os convenios provinciais ante os ataques da patronal española.

A resposta das asociacións patronais foi común en ambos os sectores: rexeitar esta posibilidade. Ante esta postura, a CIG continuará coa campaña de mobilizacións e, no caso da construción, a asemblea de delegados e delegadas xa avanzou a convocatoria de folga no sector para despois do verán se a patronal teima na súa negativa.v