Como reclamar a devolución das contías do IRPF pola prestación de maternidade

Consulta o procedemento e os modelos para presentar na Axencia Tributaria

Nacional -

O Tribunal Supremo (en sentenza do 3 de outubro) vén de confirmar que “as prestacións públicas por maternidade percibidas da Seguridade Social están exentas do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas”.  A resolución estabelece doutrina legal e, polo tanto, obriga a Axencia Tributaria a adoptar o novo criterio (contrario ao que viña facendo). Dende a CIG animamos a solicitar a devolución das retencións do IRPF indebidamente cobradas e para iso pomos a túa disposición os modelos adecuados (podes acceder nas seguintes ligazóns ou descargando os documentos anexos ao final desta nova).

» MODELO A IRPF (2014-2017)

» MODELO B INSS (Exercicio 2018)

Toda a información facilitada está dirixida a obter a devolución das retencións de IRPF das prestacións por maternidade, non obstante, a CIG entende que a sentenza do Supremo debería ser extensíbel ás prestacións por paternidade. Nese sentido, a central considera que sería oportuno presentar solicitudes para a devolución das retencións aplicadas a esas prestacións; sobre todo se temos en conta que a Seguridade Social está eliminando xa estas retencións (tanto no caso dos pais como das nais), sen agardar a que Facenda habilite a devolución.

Con toda probabilidade nos vindeiros días a Axencia Tributaria disporá na súa web dun sistema telemático de recadación do IRPF das maternidades. É convinte que se estamos en prazo de reclamación agardemos a que o faga e tramitemos as reclamacións por esa vía, porque os retornos serán máis rápidos aos feitos en papel, aínda que tamén serán válidos.

Para calquera dúbida que teñas, acude a túa federación (ou en que se delegue na túa comarca) tendo en conta as seguintes indicacións:

1º.- Exercicios fiscais 2014 a 2017 (declaracións presentadas de 2015 a 2018):

• Traballadoras que cobraron a prestación de maternidade nos exercicios fiscais 2014 a 2017 (declaracións presentadas nos anos 2015 a 2018):

a) Formular, perante a Axencia Tributaria, unha solicitude de rectificación da autoliquidación do IRPF do exercicio/s no que se declararan as prestacións por maternidade (achégase modelo A).

2º.- Exercicio fiscal 2018 (declaración a presentar en 2019):

• Traballadoras ás que lle estean a practicar retencións de IRPF pola prestación de maternidade no exercicio fiscal 2018 (declaracións que se presentarán no ano 2019):

b) Formular, perante o INSS, unha solicitude de dereito á percibir a prestación íntegra sen retención de IRPF, no resto dos meses do 2018 (achégase modelo B). Aínda que temos constancia de que a Seguridade Social xa non está aplicando a retención nas prestacións de maternidade nin na de paternidade, é conveniente comprobalo antes.

3º.- Cuestións comúns para as solicitudes de rectificación e/ou devolución de ingresos que se presenten perante a Axencia Tributaria:

• Se, transcorridos 6 meses desde que se formule a solicitude de rectificación e/ou devolución de ingresos indebidos, non houbera resposta da Axencia Tributaria, entenderase desestimada por silencio.

• Desestimada por silencio, quen o desexe disporá de 1 mes máis (tras os 6 meses sen recibir resposta) para interpor Recurso de Reposición ou Reclamación Económico Administrativa perante o Tribunal Económico Administrativo de Galiza (un ou outro, non nos dous) contra tal desestimación por silencio, a reclamar que se rectifique a Declaración da Renda na que se declararan as prestacións de maternidade ou se lle retornen os ingresos indebidamente realizados do 2018, alegando os razoamentos do TS.

• Se, pola contra, a Axencia Tributaria resolve expresamente a rectificación e/ou devolución de ingresos indebidos, desestimándoa, quen o desexe disporá de 1 mes máis (dende o día no que recibiu a resolución desestimatoria) para interpor Recurso de Reposición ou Reclamación Económico Administrativa perante o Tribunal Económico Administrativo de Galiza (un ou outro, non nos dous) contra tal desestimación, a reclamar que se rectifique a Declaración da Renda na que se declararan as prestacións de maternidade e/ou que se lle retornen os ingresos indebidamente realizados no 2018, alegando os razoamentos do TS.

O que di a sentenza do TS

A sentenza da Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior  fixa a seguinte doutrina legal en relación coa dedución do IRPF das prestacións de maternidade:

“Terceiro.- A interpretación sistemática. Real Decreto Lexislativo 8/2015, de 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei Xeral da Seguridade Social.

A prestación por maternidade é o subsidio que xestiona a Seguridade Social que trata de compensar a perda de ingresos da traballadora a consecuencia do permiso de descanso polo nacemento dun fillo ou filla, adopción, tutela ou acollemento, e durante ese período o contrato de traballo fica en suspenso interrompéndose a actividade laboral; e a teor do artigo 177 da devandita norma, considéranse situacións protexidas a maternidade, a adopción, a garda con fins de adopción e o acollemento familiar, consonte co Código Civil ou as leis civís das comunidades autónomas que o regulen.

En consecuencia a prestación por maternidade pode incardinarse no suposto previsto no parágrafo terceiro da letra h do artigo 7 da LIRPF, e por iso o recurso de casación ha ser desestimado e estabelecer como doutrina legal que “as prestacións públicas por maternidade percibidas da Seguridade Social están exentas do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas.”

Volver