Como e por que defender as pensións públicas?

Antolín Alcántara - 16 Xan 2018

A verdadeira razón do estado financeiro actual das pensións son as políticas de acoso e derruba do sistema contra as prestacións públicas. Todo sucede co propósito de alimentar o sistema privado e proporcionar un negocio suculento para a Banca

Presentan ante nós un escenario apocalíptico sobre o futuro das pensións; todos os medios de comunicación abundan e reinciden en destacados titulares sobre a inviabilidade dun sistema que, de non se reformar, inevitabelmente non poderá evitar a súa quebra.

A persistencia desta mensaxe inequívoca apoiada sobre indicadores macroeconómicos manexados polo sistema político, pretende lograr a resignación da poboación e principalmente da clase traballadora a unha reforma en profundidade, tanto das coberturas como do acceso futuro ás pensións públicas.

A constante deficitaria entre ingresos e gastos e a proxección demográfica dos próximos anos entre pensionistas e cotizantes, así como o esgotamento do fondo de reserva e a previsión de achega de 15 mil millóns de € anuais dos orzamentos do Estado até o 2020 para equilibrar o saldo, aparecen como as principais variábeis deste discurso interesado en evitar toda resistencia e oposición social. Contrariamente a esta lóxica matemática dun sistema capitalista neoliberal, no que o principio reitor é a indulxencia e provisión con fondos públicos para a Banca e as grandes empresas do IBEX evasoras de impostos; podemos e debemos defender un sistema de pensións que permite mellorar as coberturas actuais. Examinemos por que:

O sistema público de pensións experimentou sucesivas reformas dende a década dos 80 do século pasado, que incidiron todas elas reducindo as coberturas e impoñendo maiores dificultades para o acceso. Nos últimos anos foi novamente afectado polo Goberno de Zapatero e posteriormente polo PP. Pero o maior impacto que afecta ás pensións sucede coa reforma laboral do ano 2012 do PP que resta os ingresos directos da Seguridade Social. Mediante esta reforma favorécese a multiplicación da contratación parcial e temporal e redúcese sensibelmente a masa total de salarios, autorizando a inaplicación dos convenios colectivos e permitindo que os convenios de empresa poidan pactar condicións económicas inferiores aos convenios de sector. O exemplo máis significativo atopámolo na comparación dos ingresos da Seguridade Social relativos aos anos 2011 e 2017.  No ano 2011 con 17.433.000 persoas asalariadas a Caixa das pensións ten un saldo positivo de 2.300 millóns de €. No ano 2017 con 19.000.000 de persoas asalariadas, un 11% máis, o saldo das pensións é negativo en 19.000 millóns de €. A principal causa deste resultado é o empobrecemento dos salarios e o incremento exponencial dos contratos a tempo parcial. Para isto podemos observar o seguinte dato:

A cotización media das persoas asalariadas no ano 2011 era de 5.300 €/ano. No ano 2017, con 1.500.000 persoas asalariadas máis esta mesma cotización apenas subiu o 3,77%, cando pola aplicación mínima directa dos IPC nos salarios durante este período o incremento debería ser do 6,15%. Esta diferenza aplicada sobre os e as cotizantes actuais, dános unha evidencia demoledora sobre o empobrecemento dos salarios; o resultado equivalente debería ingresar a maiores uns 8.200 millóns de €/ano.

Posteriormente á Reforma do 2012, o Goberno ataca dunha soa vez a cobertura contributiva para desempregados e desempregadas maiores de 52 anos, reducindo ao mesmo tempo prestación e a cotización deste grupo en máis do 30%. A súa vez eleva a idade para acceder a esta prestación de 52 a 55 anos, polo que este grupo de persoas desempregadas perden os ingresos e as cotizacións. O efecto desta medida nos 6 últimos anos, conxuntamente co descenso de máis de 1.600.000 parados e paradas que xa non teñen cobertura e que por tanto non cotizan, supón unha perda de ingresos para a Seguridade Social superior aos 5.000 millóns de €/ano. O Goberno, nunha única reforma, elimina gastos do INEM e reduce os ingresos da Seguridade Social. Tampouco debemos esquecer que os efectos desta medida reducirán sensibelmente as pensións deste grupo social, parados e paradas de longa duración que quedaron excluídos do mundo do traballo neste último ciclo.

Outro dos aspectos que o Goberno e todos os medios interesados en divulgar a inviabilidade do sistema público de pensións non mencionan, é o feito de que as pensións cotizan a Facenda polo IRPF; por tanto ingresan ao Estado unha cifra superior aos 5.000 millóns anuais, que posteriormente son investidos en propósitos completamente diferentes da súa natureza, como pode ser o Exército, a Casa Real ou a propia Igrexa Católica. Contrariamente os Fondos de Pensións privadas teñen beneficios fiscais que deixan de ingresar uns 4.000 millóns anuais. Esta monstruosa contradición declara unha intención política de favorecer á Banca e aos ricos, mentres se limita os recursos públicos. Tampouco se explica que os salarios superiores a 3.750 €/mes teñan este tope de cotización, e non o fagan polo resto de salario que supere esta cifra.

Pero a evidencia maior que tamén se oculta é que no Estado español as pensións representan unha porcentaxe inferior nada desprezábel sobre o PIB con respecto a países de referencia e comparación obrigada polas súas economías. Mesmo Francia, Grecia, Portugal ou Italia teñen unha porcentaxe superior ao Estado español. No caso de Italia unha diferenza dun 5%; que, de igualar a porcentaxe, se ingresarían aproximadamente uns 57.000 millóns ao ano máis para as pensións.

Outra partida que resta ingresos directos á Seguridade Social son as numerosas bonificacións na cota empresarial sobre as contratacións; mesmo para aqueles contratos a tempo parcial ou temporal, estimulando a precariedade no traballo. O lóxico sería que estas modalidades de contratos estivesen penalizadas e non bonificadas. A estimación sobre esta partida supera os 3.000 millóns de €.

Á vista de todo isto, sabemos que o problema das pensións públicas non é a capacidade para cadrar o seu equilibrio e balance. A verdadeira razón do estado financeiro actual das pensións son as políticas de acoso e derruba do sistema contra as prestacións públicas. Todo sucede co propósito de alimentar o sistema privado e proporcionar un negocio suculento para a Banca.

Nestes últimos días todos os interesados en atacar as pensións públicas reiniciaron unha campaña apocalíptica sobre o futuro das pensións. Entre os exemplos que adornaron estes titulares apareceu a provincia de Ourense, destacando que é o lugar con maior déficit no resultado de pensionistas e cotizantes. Como outras tantas mentiras, esta afecta tamén a Galiza como país, xa que, de xeito similar, Ourense ten un número maior de traballadores e traballadoras emigrados noutras zonas do Estado que cotizan para a mesma Caixa da Seguridade Social. Este problema secular da emigración parece ser unha maldición crónica dun país condenado a un éxodo permanente mentres non teñamos soberanía política.

Este sistema non dará tregua, persistirá no discurso de que este é o mundo mellor e que debemos facer sacrificios e renuncias para que o sistema sobreviva. Non alimentemos esta apoloxía da catástrofe. As pensións, a sanidade, o ensino, as prestacións sociais poden ser infinitamente mellores. A precariedade extrema no mundo do traballo ten que ver co enriquecemento dos capitalistas, coa transferencia de riqueza nun grao superlativo das rendas da clase traballadora para os propietarios do capital. Teñamos o noso discurso rotundo e clarificador para enfrontarmos socialmente esta loita de clases. De xeito contrario o presente e o futuro serán de supervivencia extrema, no que a clase traballadora non se recoñecerá como suxeito, fracturado entre numerosas divisións de antigos e novos, fixos e eventuais, da contrata e da empresa principal, das ETT e empresas de servizos. Teñamos a sabedoría e a forza para mudalo.

 

[Vigo, 15 de xaneiro de 2017]

__________________________________________________________________

 

Antolín Alcántara é membro do Padroado da Fundación Moncho Reboiras