Comeza a negociación para renovar o convenio colectivo estatal da Industria Química

A CIG elaborou as súas propostas nunha xuntanza de delegados/as

Nacional -

A mesa negociadora do convenio colectivo estatal da Industria Química celebrou este martes a súa primeira xuntanza en Madrid, na que a CIG achegou as propostas que foron elaboradas previamente nunha asemblea nacional de delegados/as do sector celebrada a semana pasada en Vigo.

Na central apostan por unha negociación que permita pactar un convenio que minimice o impacto das últimas reformas laborais co obxectivo de lograr unha mellora substancial das actuais condicións dos traballadores/as do sector en materia económica, de xornada, de conciliación da vida familiar e laboral, etc.

En concreto, a CIG reivindicará unha serie de cuestións que considera fundamentais, como son a inclusión dunha cláusula de ultractividade que permita a vixencia do convenio até a sinatura do seguinte; a limitación da contratación temporal e parcial, apostando pola contratación estábel; a aplicación da xornada laboral de 35 horas semanais; a eliminación das ETT no sector; e garantir as condicións salariais e de xornada nas subcontratas. 

A central aposta por un acordo que minimice o impacto das reformas laborais e mellore as condicións de traballo

Proporá incluír tamén unha cláusula de subrogación; mellorar a conciliación familiar e laboral real e as licenzas; obrigar a elaborar plans de igualdade en empresas de máis de 30 traballadores/as; incrementar o salario cunha suba lineal de 636 euros para o ano 2018 e de 655 euros para 2019, cunha aplicación de revisión salarial dos IPC reais; e mellorar as condicións económicas para os desprazamentos de persoal no Estado español e no estranxeiro, fixando unha compensación económica a maiores das dietas.

Finalmente, dende a central fan fincapé na súa aposta por un convenio galego para o sector, “considerando o estatal como un acordo de mínimos”.

Volver