Hoxe deu comezo a folga indefinida contra os 27 despidos previstos na fábrica de Nestlé en Pontecesures, que polo de agora está a rexistrar un seguimento do 100% entre un cadro de persoal que desenvolverá mobilizacións diarias diante das instalacións entre as 13:00 e as 15:00 horas. Un numeroso piquete informativo mantense ás portas da empresa dende o comezo do paro ás 6:00 horas para amosar o rexeitamento ao ERE anunciado pola dirección.
As persoas traballadoras de Nestlé están a protagonizar un intenso calendario de mobilizacións dende que se coñeceu a intención da compañía de alimentación de rescindirlle o contrato a un total de 301 persoas no conxunto do Estado, 27 delas en Galiza.
Dende a FGAMT-CIG de Pontevedra denuncian que, realizando unha comparación en porcentaxes, a planta de Pontecesures será unha das máis prexudicadas polo ERE, xa que as 27 rescisións de contrato supoñen o 14% do cadro de persoal total, integrado por unhas 200 persoas traballadoras.
Na planta de Pontecesures faise a produción de leite condensado para toda Europa, Oriente Medio e parte do Sahel, cunha media de 60.000 toneladas ao ano, e que neste momento está nun pico de máxima produción. “Soster esta produción con 27 persoas traballadoras menos non é posíbel”, explican dende a central sindical, ao tempo que insisten en que a CIG non vai aceptar un só despedimento nesta fábrica.
Negan tamén a existencia de causas económicas, organizativas ou produtivas que xustifiquen este ERE, menos aínda tendo en conta que o ano pasado o grupo Nestlé acadou unha facturación récord, cun montante de 2.984 millóns de euros.
“Cos números que presenta Nestlé a nivel estatal non vemos necesarios nin xustificados estes despedimentos e nos próximos días comezaremos coas accións e mobilizacións que sexan precisas pola continuidade de todos os postos de traballo”, conclúen.