Comeza a campaña de alto risco de incendios sen acordo de condicións de traballo de axentes forestais

CIG e UGT denuncian a campaña de propaganda da consellaría de Medio Rural
Nacional - 28 Xun 2018

A CIG e UGT denuncian o comezo da campaña de alto risco sen unha proposta seria da Xunta de Galiza para as/os Axentes Medioambientais máis que unha imposición de aumento do 50 % de quendas de 12 horas e en contraprestación unha suba de dous niveis en dous anos e 7 euros por quenda de 12h, logo de máis de 10 anos cun acordo caducado e con serios problemas para acollerse aos dereitos previstos na Lei de Emprego Público de Galiza para o resto do persoal funcionario. Cuestións como as vacacións, a flexibilización para a conciliación familiar, ou as xustas compensacións retributivas polo exceso horario, penosidade, toxicidade, turnicidade, nocturnidade e especial responsabilidade dos axentes medioambientais.

En tanto, denuncian que a Conselleira de Medio Rural comeza a campaña de Alto Risco con propaganda, anunciando unha suba económica de ata “2.000 euros por efectivo” das que as organizacións sindicais “a día de hoxe non temos coñecemento”.

Por riba a esta prometida suba económica, engade outra de 2000 euros máis ao ano derivados da promoción profesional que son coma o conto da leiteira, xa que de haber a promoción profesional para o persoal que ten a titulación, sería para máis adiante e nin sequera teñen feita a Oferta de Emprego Público.  “Un completo desleixo xa que a dita promoción a día de hoxe está abandonada, polo que tivemos que denunciar á Xunta no xulgado do contencioso polo incumprimento do Acordo do grupo B”, afirman. 

Denuncian tamén esta campaña informativa “baseada en mentiras” que está a manter a Conselleira de Medio Rural e esixen unha proposta seria nun documento onde se definan a xornada, as prestacións económicas polo traballo desenvolvido, o numero máximo de gardas ao ano, as vacacións e os descansos, a seguridade e saúde laboral, a xubilación e segunda actividade.

Por iso CIG e UGT rexeitan o “emprego propagandístico da dotación de material” que ademais é “insuficiente para reposición de vehículos con graves deficiencias de seguridade” e mesmo de tablets, que veñen sen datos, como se entregaran “caramelos aos nenos” e non como o material necesario para a realización do traballo que é.