Comeza a 114ª Conferencia Internacional do Traballo en Xenebra coa participación da CIG

Israel e axentes pro-sionistas tentaron reverter a Resolución sobre a condición de Palestina na OIT
Internacional - 03 Xun 2026

A CIG participa, como cada ano, da 114ª Conferencia Internacional do Traballo (CIT) da OIT celebrada en Xenebra entre o o 1 e o 12 de xuño de 2026. A delegación da CIG encóntrase presente desde o día 31 na cidade suíza a fin de estar presente nas reunións previas celebradas polo grupo de gobernos, empregadores/as e traballadoras/es que responden ao carácter tripartito definitorio do organismo.

O inicio da CIT produciuse na xornada do 1 en sesión plenaria, que contempla o informe da Presidenta do Consello de Administración para o período 25-26, a memoria do Director Xeral, o informe de aplicación do programa da OIT 24-25, así como o informe relativo á situación da clase traballadora nos territorios árabes ocupados.

Alén disto, na presente Conferencia, a orde de traballos desenvolverase nas seguintes seis comisións: Comisión de Verificación de Poderes, Comisión de Cuestións Financeiras, Comisión de Aplicación de Normas, Comisión Normativa sobre o Traballo Decente na Economía de Plataformas, Comisión da Discusión Recorrente sobre o Diálogo Social e o Tripartismo e Comisión da Discusión Xeral sobre un Programa Transformador para a Igualdade de Xénero no Traballo.

A CIG estará presente na Comisión de Aplicación de Normas, que este ano conmemora o seu centenario cun segmento na discusión xeral e coa celebración dun evento paralelo centrado nos 100 anos de supervisión tripartita.

Neste sentido, esta é a comisión de carácter permanente que vela polo debido cumprimento dos diferentes convenios e avalía o incumprimento destes definindo o seu traballo á selección de 23 países dunha listaxe longa de 40 casos reflectida no seu Informe da Comisión de Expertos en Aplicación de Convenios e Recomendacións para cada Conferencia.

Cómpre, porén, incidir en que malia o consenso das partes na definición desta listaxe curta, o resultado non sempre se axusta á necesidade que a realidade impón, senón que se determina frecuentemente so criterios de carácter político.

Recoñecemento de Palestina

Así mesmo, o inicio desta CIT estivo marcado pola tentativa de Israel e axentes pro-sionistas de reverter a Resolución sobre a condición de Palestina na OIT e os dereitos de participación de Palestina nas reunións da OIT do 6 de xuño de 2025 que modificou o estatus como movemento de liberación nacional a estado observador non membro.

Porén, contra esta vontade excluínte, a votación producida durante a xornada do 2 deu en ratificar a condición recoñecida na pasada CIT para a participación de Palestina cunha ampla marxe de apoio xeneralizado nos tres grupos (394 a favor da resolución, 17 en contra e 42 abstencións).

No marco da Conferencia, desenvolveranse outras actividades impulsadas pola propia OIT como o evento para promover a ratificación do Instrumento de Emenda da Constitución da OIT (1986), a celebración dos 100 anos da Comisión de Aplicación de Normas ou outro relacionado coa promoción do fin do traballo infantil. En paralelo, celebrarase como cada ano o Encontro Internacional en Solidariedade cos Traballadores e o Pobo de Palestina e outros territorios árabes ocupados na tarde do 3 de xuño; a homenaxe aos 60 anos da fundación da PIT-CNT e unha charla coa UGTSARIO na tarde do 10 de xuño, nos que a CIG estará presente.

Nas últimas xornadas procederase á votación dos diferentes documentos resultantes dos distintos debates e comisións de traballo.