Comerciantes da zona do hospital Xeral de Vigo denuncian peche de empresas e perda de empregos tras o traslado do centro

Constataron a desaparición de 14 negocios e 33 empregos, mentres outros 52 establecementos con 167 traballadores/as están en risco
Vigo - 14 Xan 2016
Colectivos de comerciantes da contorna do hospital Xeral de Vigo denunciaron hoxe que o peche do centro médico está a acelerar o deterioro económico da zona, coa desaparición de empresas e postos de traballo. Segundo constataron, alomenos 14 negocios tiveron que pechar as súas portas dende o traslado ao novo hospital, o que supuxo a perda de 33 empregos. Ao mesmo tempo, advertiron que outros 52 establecementos que empregan a 167 persoas corren o risco de desaparecer.

Estas cifras foron presentados hoxe en rolda de prensa por representantes dos colectivos de comerciantes, das asociacións de veciños/as, da Xunta de Persoal da área sanitaria e da plataforma SOS Sanidade Pública. Na comparecencia, que tivo lugar na sede da federación veciñal Eduardo Chao, explicaron que os datos obtivéronse mediante 80 enquisas realizadas entre decembro de 2015 e xaneiro de 2016.

Así, dende o abandono do hospital Xeral o 3 de setembro terían pechado 14 empresas (o 17,5% do total), principalmente bares, cafeterías e restaurantes, debido ao descenso das ganancias, que alcanzou unha media do 82,1%. Isto provocou a perda de 33 empregos.

Ao mesmo tempo, as enquisas constataron que a totalidade das empresas que aínda manteñen a súa actividade na zona sufriron unha importante redución da súa actividade. “Un total de 52 das 66 que permanecen abertas (o 78,8%) están en risco de pechar a curto ou medio prazo”, alertan. Destas, a maior parte son tendas, bares, cafeterías, restaurantes e hoteis, aínda que tamén hai farmacias, ortopedias, ximnasios, taxis e pequenas empresas industriais.

Diante disto, consideran que a zona se atopa nunha “situación dramática” pola gran perda económica asociada a peches de empresas e despedimentos e reclaman que se renove a actividade asistencial no edificio antes de que se deteriore definitivamente, “situando nel os servizos sanitarios que a cidade precisa”. Entenden tamén que no caso de que o Sergas non aposte por manter o uso sanitario do inmoble deberá ser o Concello o que “adopte as medidas oportunas para evitar o deterioro do barrio”.