Clamor na Coruña contra o peche da fábrica de Alcoa e polo mantemento dos empregos

Centos de persoas sumáronse a marcha obreira realizada polos traballadores/as dende a factoría até a Delegación
A Coruña - 30 Out 2018

A Coruña volveuse encher na tarde deste luns do berro clamoroso contra o peche de Alcoa. A marcha obreira protagonizada polos traballadores e as traballadoras dende a fábrica até a Delegación do Goberno foi sumando continuos apoios durante o seu percorrido, así como o aplauso e o recoñecemento dos veciños e veciñas que unían as súas voces ás proclamas "Alcoa non se pecha" ou "Peche non, enerxía solución".

A medida que avanzaba cara ao centro da cidade, adheríanse á marcha ducias de persoas que querían amosar a súa solidariedade co persoal de Alcoa e a súa loita pola continuidade de 400 empregos, mais tamén demostrar así o rexeitamento á decisión da multinacional do aluminio que, de levarse adiante, afondaría no desmantelamento industrial da comarca da Coruña.

A mobilización contou co respaldo de numerosos representantes políticos e os/as compañeiros das fábricas de Ferroatlántica, que marcharon durante todo o traxecto coa súa propia faixa solidaria. Tamén participaron da mobilización o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e o secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas Aboi, así como delegados da central na planta de Alcoa-San Cibrao.

Un dos apoios máis sentidos foi o dos bombeiros/as da Coruña, quen ao paso da manifestación por diante do parque municipal acenderon as sereas dos camións e penduraron unha faixa no alto dun guindastre, coa que posteriormente un grupo de bombeiros se uniu á marcha.

"Alcoa déixanos sen futuro"

Varios quilómetros despois, a mobilización chegaba a Praza da Palloza, onde centos de persoas recibían entre calorosos aplausos os traballadores e traballadoras. Alí, os seus fillos e fillas tomaron o relevo da cabeza da manifestación cunha pancarta na que se podía ler "Alcoa déixanos sen futuro". Un emotivo momento, que foi amplamente retratado polos numerosos medios gráficos presentes.

No medio dunha persistente choiva, a marcha continuou o recorrido previsto até rematar, por volta das oito da tarde, diante da Delegación do Goberno, onde membros do comité mantiveron unha reunión co representante do Estado en Galiza.

A representación social demanda mesas separadas

O conflito entra nunha semana clave xa que, de non producírense cambios radicais, mañá mércores día 31 iniciarase o período de consultas do ERE. Neste senso, Julio Moskowich, delegado da CIG no comité de Alcoa, explica que a representación social da Coruña non ten intención de acudir a Madrid á constitución da mesa única, ao entender que o expediente debe ser negociado en cada unha das fábricas afectadas "pois somos dúas empresas diferentes e cada centro de traballo ten o seu comité".

Sobre os argumentos defendidos pola multinacional para xustificar o ERE, Moskowich reiterou que o despedimento colectivo non  ten razón de ser, "cando o Grupo Alcoa no Estado español  ten abundantes beneficios". De feito, puxo en cuestión as razóns esgrimidas pola empresa, que agora di que un dos problemas é o prezo da materia prima, "pero iso é algo conxuntural. O realmente determinante para nós é o prezo da enerxía eléctrica", aseverou.

Por iso, dende o comité esíxenlle á multinacional a retirada inmediata ERE e a partir de aí iniciar unha negociación con todas as partes implicadas para abordar un cambio en todo o sistema eléctrico e demandar un marco enerxético estábel. "Cun prezo da electricidade competitivo estas fábricas son viábeis, porque tecnoloxicamente funcionan, non están obsoletas, como di a empresa. O único problema que temos é o prezo da enerxía, que comparada cos prezos doutros países de Europa é elevadísima e iso é o que nos resta competitividade", advirte.  

En canto ao papel dos diferentes gobernos, dende a representación social reclámanlle "que se poñan á fronte da defensa dos postos de traballo e da industria. O que non se pode permitir é que veñan as multinacionais aquí a facerse con empresas que foron públicas, practicamente regaladas, espreman todo o que poidan e cando queren desmantélanas e marchan para outro lado", denunciou Moskowich.

Neste senso, o delegado da CIG insistiu en que se Alcoa non quere as fábricas "que as poña as venta ou que se faga o Estado cargo delas nacionalizándoas. Pero as administración non poden consentir que pare a produción industrial nestas factorías porque o aluminio é un sector estratéxico para a economía do noso país".

Así as cousas, o persoal mantén o piquete permanente diante da fábrica para impedir a saída do produto elaborado. Ademais, segundo o calendario de negociacións que a empresa vaia pondo enriba da mesa, "iremos dando a resposta adecuada".

Marcha a pé do persoal de Alcoa San Cibrao

Coincidindo coa mobilización na Coruña, os traballadores e as traballadoras da fábrica de Alcoa en San Cibrao realizaron na mañá de onte unha marcha a pé dende as instalacións até a Casa do Concello de Burela. Con esta mobilización buscan trasladar o apoio á loita dos compañeiros e compañeiras de Alcoa na Coruña e Avilés, mais tamén reclamar un cambio no marco regulador da enerxía.

Con tal fin, o comité fixo entrega a representantes dos grupos políticos dun escrito coas propostas do comité para acadar unha tarifa eléctrica "que permita manter os postos de traballo na industria electrointensiva". Neste senso, o presidente do comité, Xosé Paleo (CIG) advertía ao remate da marcha que "se queremos que a industria non marche deste país temos que acadar un prezo da enerxía xusto e estábel". 

"Parece mentira que nun país como Galiza, produtores e exportadores de enerxía eléctrica, vexamos ameazados os empregos porque non temos un prezo da electricidade que  nos permita competir con outros países de Europa", valorou Paleo.

Tarifa industrial estábel

Cómpre lembrar que a CIG vén de trasladarlle aos gobernos español e galego e á patronal unha proposta para a creación dunha tarifa industrial estábel, con variacións predicíbeis á que se poidan acoller estas empresas con grandes consumos de enerxía.

Pero a cambio de poder acollerse a esta tarifa rebaixada, as empresas terán a obriga de realizar inversións e melloras nos procesos produtivos para manter e ampliar o nivel de emprego directo, evitando así medidas como a anunciada por Alcoa, que deixa no aire o futuro de 400 empregos nun sector estratéxico para o país, como o do aluminio. Así mesmo, as empresas acollidas a esta tarifa terían que pular polas condicións laborais e sociais nos convenios colectivos, que deberán ser actualizados, como mínimo, co IPC anual.