Cimeira de Singapur abrirá un camiño á paz?

Luis Manuel Arce - 14 Xun 2018

O meirande problema que subsiste para arribar a porto seguro no camiño da paz e a concordia é que o acordo inicial logrado en Singapur está asinado por Trump, un home de pouca credibilidade, volúbel nos seus razoamentos, nada ético e que xera desconfianza mesmo para os seus propios aliados

 Os presidentes da República Popular Democrática de Corea, Kim Jong-un, e o de Estados Unidos, Donald Trump, lograron baixar as tensións ao concretar unha cimeira en Singapur que tivo como tema central foi o nuclear.

 Polo momento os pobos das dúas Coreas e os países que os circundan, desde Xapón a Filipinas no Pacífico pasando por máis da metade de Asia, poden durmir máis tranquilos porque a ameaza dunha catástrofe nuclear que os afecte directamente se afasta, mesmo cando aínda non hai concretadas garantías definitivas.

 De todos os xeitos é moi importante que, despois de case 70 anos de odios, rancores, ameazas e temores de todo tipo, se realizase unha reunión ao máis alto nivel e aparentemente exitosa en relación cun contexto marcado por unha retórica moi agresiva na que se desenvolveron as pésimas relacións entre o goberno de Trump e o de Corea do Norte.

 Esta cimeira, realizada nun terreo neutro como Singapur, foi posíbel grazas a unha firme política nuclear defensiva por parte de Pyongyang sen o desenvolvemento e sostibilidade da cal unha reunión desa natureza nunca tería lugar como o demostran estas case sete décadas de guerras entrambas as partes de Corea e de neocolonialismo norteamericano militarista e económico no sur da península.

 O meirande problema que subsiste para arribar a porto seguro no camiño da paz e a concordia é que o acordo inicial logrado en Singapur está asinado por Trump, un home de pouca credibilidade, volúbel nos seus razoamentos, nada ético e que xera desconfianza mesmo para os seus propios aliados, capaz de se desdicir en horas, como ocorreu coa Cimeira do G-7 ao saír olimpicamente dun acordo sobre aranceis alegando declaracións insultantes do primeiro ministro de Canadá, Justin Trudeau.

 A Cimeira de Singapur, mesmo cando transcenderon polo menos catro puntos do acordo base, aínda carece dun apoio institucional que ofreza garantías de iniciar un longo proceso de negociación e seguridades de que este non será perturbado por accións hostís que poñan en perigo a paz rexional.

 Un acordo de desnuclearización, aínda que sexa local ou bipartito, é de tal envergadura e atinxente ao mundo enteiro, que se fai necesario, máis ben imprescindíbel, blindalo contra a voluntariedade, os antollos e reaccións emocionais dunha soa persoa.

 En realidade, os catro puntos do acordo que transcenderon, non enchen todas as expectativas antinucleares ou antibelicista creadas en torno á cimeira. Segundo o que se soubo, tales puntos refírense ao seguinte:

 Estados Unidos e a República Popular Democrática de Corea (RPDC) comprométense a:

1) establecer novas relacións entre ambos países en correspondencia co desexo dos seus pobos de alcanzar a paz e a prosperidade;

2) axuntar esforzos para construír un réxime pacífico e estábel na península de Corea;

3) reafirmar a Declaración Panmunjom do 27 de abril de 2018 segundo a cal Corea do Norte se compromete a traballar nunha desnuclearización completa da península;

4) comprometerse en recuperar os prisioneiros de guerra e desaparecidos en combate, incluíndo a repatriación inmediata daqueles que xa foron identificados.

 O documento establece tamén o compromiso de ambos os países de seguir coas negociacións que liderarán o Secretario de Estado de Estados Unidos, Mike Pompeo, e un alto cargo de Corea do Norte cuxo nome non se especificou. Estas conversas terán lugar canto antes e buscarán desenvolver os acordos alcanzados en Singapur.

 Indubidabelmente é un gran paso, e se se concretan será un contributo á tranquilidade que o mundo necesita, pero non o último. Fan falta máis aínda.

 Se realmente hai unha vontade de paz global, Trump ten outra gran oportunidade de demostralo: restablecer o seu compromiso co acordo nuclear iraniano, e retirar as novas e vellas sancións ao goberno de Teherán.

 De igual xeito, prestar atención aos científicos e admitir que o cambio climático existe como se indica no Acordo de París, e actuar en consecuencia. De se materializaren ambas as necesidades, haberá que admitir que o mundo pode comezar a construír conxuntamente unha nova historia.

 

[Artigo tirado do sitio web Alainet, do 12 de xuño de 2018]