CIG-Xustiza denuncia a condena a un sindicalista polo “corporativismo xudicial”

Foi a xuízo por exercer o seu labor sindical durante a histórica folga no sector
A Coruña - 03 Dec 2020

Despois de case tres anos, algunha abstención, suspensións a última hora, cambios de xuíces e tres horas de xuízo, o compañeiro Javier Fernández Castro foi condenado por un delito leve de coaccións -que se tería producido durante a histórica folga que tivo lugar en 2018 na xustiza galega- a un mes de multa cunha cota diaria de 6 euros e unha responsabilidade civil de 1 euro para a Letrada da Administración de Xustiza denunciante 'por unha erupción cutánea na cara'.

O proceso, que se iniciou por unha dilixencia de constancia remitida á Secretaria de Goberno e que a Fiscalía converteu en denuncia, derivou nun xuízo que foi finalmente  celebrado por unha xuíza interina en substitución despois de que a titular do Instrución 1 se abstivera por manifestar “que podería estar afectada a súa imparcialidade obxectiva”.

Segundo a CIG-Xustiza, na sentenza só se recolle o testemuño da Letrada de Administración de Xustiza denunciante e de dúas das súas testemuñas (xuíces). “Non se toma en consideración nada do manifestado nin polos denunciados, nin polas testemuñas directas dos feitos e porén si se ten en conta unha de referencia que só sabe o que a denunciante lle contou,  e outra que estaba no seu despacho e non viu nada... pero son xuíces, e os/as demais somos funcionarios/as e, por riba sindicalistas en folga”.

Chelo Rodríguez, absolta

Apunta ademais que, “como era demasiado evidente a falta de probas”, non se atreveron a condenar a outra compañeira, Chelo (segundo xuízo derivado da folga no que sae absolta), "pero tampouco podían deixar en evidencia a unha  Letrada da Administración de Xustiza e uns xuíces, polo que a substituta emitiu unha sentenza condenatoria para Javier. Ao fin e ao cabo, el era o subordinado da Letrada e cuestionou unha decisión súa, que era ilegal. Pouco importou que estivera alí como membro dun comité de folga defendendo a unha compañeira”. 

Con todo, CIG-Xustiza sinala que aínda faltan os expedientes disciplinarios, suspendidos até que se resolva a vía penal. Por iso considera inxusta esta sentenza, “sobre todo no tocante á responsabilidade civil, porque resulta claramente insuficiente a cantidade de 1 euro para solucionar o problema de cara que ten a Letrada de Administración de Xustiza denunciante”.