CIG súmase á manifestación en Bruxelas contra os tratados transatlánticos e convoca protesta na Coruña

As protestas terán lugar o martes 20 de setembro

A Coruña -

Unha representación da CIG participará na manifestación que diversos colectivos teñen convocada para este martes día 20 en Bruxelas en rexeitamento aos os tratados de libre comercio que a UE está a negociar cos EUA e Canadá (coñecidos polas súas siglas en inglés como TTIP e CETA). De xeito paralelo, a central convoca unha concentración ese mesmo día, ás 12:00 horas, diante da Delegación do Goberno na Coruña (Praza de Ourense, s/n). 

A representación da CIG que acudirá á mobilización na capital Belga (convocada entre outros colectivos por StopTTIP e Alter Summit) estará encabezada polo Secretario Xeral, Xesús Seixo, quen irá acompañado polo responsábel de Relacións Internacionais da central, Xosé Lois Rivera Jácome, e mais Suso García, membro da Executiva nacional da FGAMT-CIG.

A participación activa nesta mobilización europea e a concentración a realizar na Coruña dan continuidade a campaña que a CIG puxo en marcha contra estes dous tratados, negociados con total opacidade, mais que suporán, de seren aprobados,  un duro golpe á soberanía dos estados e un  retroceso sen precedentes dos nosos dereitos económicos, sociais e ambientais máis elementais.

Segundo as  informacións que transcenden, está previsto que o CETA sexa asinado o vindeiro mes de outubro, posto que os termos do mesmo xa foron pactados pola UE e Canadá hai meses. Con tal motivo, a CIG ten intención de continuar durante o próximo mes cos actos de protesta contra a sinatura do mencionado tratado que, entre outras cuestións, permite as empresas demandar xudicialmente os estados se se consideran prexudicadas por algunha lei nacional. Porén, estas demandas serán resoltas por tribunais privados especialmente creados para tal fin e exentos de aplicar o Dereito nacional e o internacional.

Ao tempo, a Unión Europea e os Estados Unidos de América do Norte continúan as negociacións do TTIP (iniciadas en xullo de 2013), e a pesar das recentes declaracións do ministro de economía  alemá ou o primeiro ministro galo dando por rotas as negociacións cos EUA, os elevados intereses que se xogan as grandes corporacións internacionais fan temer que estas afirmacións non sexan máis que papel mollado.

A  transcendencia destes tratados, aos que hai que sumar un menos coñecido pero igual de relevante, o TISA, para as nosas condicións laborais e de vida e o noso futuro como país, obríganos a dar unha resposta clara e contundente. Non ao TTIP, non ao CETA. 

Volver