A CIG-Servizos continuará este venres, día 7 de agosto, coas mobilizacións en defensa dunhas condicións laborais dignas no comercio galego, coa celebración de concentracións en Vigo, A Coruña, Lugo, Vilagarcía, Santiago e Ourense. As protestas forman parte da campaña iniciada este ano, sob o lema “Sen persoal non hai comercio e sen condicións dignas non hai futuro”, para denunciar a precariedade estrutural que sofre o sector e terán continuidade cunha nova xornada de folga en todo o comercio de Galiza o vindeiro 15 de agosto.
A central sindical denuncia que o comercio é un dos sectores con maior precariedade laboral de Galiza. Explica que os cambios estruturais provocados, entre outros factores, polo incremento do comercio electrónico están a ser utilizados polas empresas para deteriorar progresivamente as condicións de traballo, reducindo cadros de persoal e incrementando a carga laboral sobre os equipos existentes.
A CIG-Servizos advirte de que se trata dun sector altamente feminizado, cunha elevada porcentaxe de contratación a tempo parcial e con serias dificultades para a conciliación da vida laboral e familiar. Denuncia que en moitas empresas se impoñen quendas partidas e o traballo en domingos e festivos, autorizados pola Xunta de Galiza sen compensacións, chegando mesmo a incumprirse os descansos diarios e semanais establecidos pola lexislación.
Deterioración da saúde
Segundo o sindicato, a diminución constante dos cadros de persoal, a falta de cobertura das baixas, vacacións ou licenzas e a intensificación dos ritmos de traballo están a provocar unha crecente deterioración da saúde das persoas traballadoras, cun incremento das incapacidades temporais derivadas de doenzas músculo-esqueléticas, estrés e ansiedade. A esta situación engádense salarios de subsistencia que apenas superan o Salario Mínimo Interprofesional en boa parte dos convenios do sector, mentres as empresas continúan obtendo beneficios millonarios.
A CIG-Servizos alerta tamén do que considera un ataque á negociación colectiva en Galiza a través da apertura de mesas estatais en Madrid que, ao seu xuízo, reducen dereitos conquistados nos convenios provinciais galegos e limitan a capacidade de negociación propia. Como exemplos, sinala o convenio estatal de ARTE e a negociación do Acordo Marco de Distribución Alimentaria.
Para reverter esta situación, o sindicato reclama un incremento dos cadros de persoal, a transformación de xornadas parciais en completas, medidas reais de conciliación e respecto dos descansos, melloras salariais que recoñezan a responsabilidade, a polivalencia e a dispoñibilidade do persoal, así como a constitución dunha mesa para negociar un Acordo Marco Galego de Comercio que protexa a negociación provincial fronte á estatal.
A central sindical fai un chamamento á participación nas concentracións do 7 de agosto e na folga do día 15 para defender os dereitos das traballadoras e traballadores do sector.