CIG-Servizos agarda a fin da investigación xudicial polo posíbel “alzamento de bens” de Galaica

A empresa forma parte do grupo investigado en Vigo cuxa cúpula acaba de ser detida

Compostela -

Galaica, unha das empresas do entramado empresarial cuxa cúpula acaba de ser detida por fraude á Seguridade Social en Vigo, ten unha causa aberta no Xulgado de Instrución, número 1 de Compostela, por un posíbel alzamento de bens valorado en preto de 700.000 euros. A denuncia foi presentada xa no mes de setembro pola CIG-Servizos de Compostela.

No ano 2015 os traballadores e traballadoras de Galaica afiliados á CIG-Servizos, contactaron co sindicato para que denunciara o impagamento das nóminas. A raíz desta denuncia a CIG-Servizos comezoua  facer un seguimento desta empresa e tivo coñecemento dun oficio ordenando o embargo de 536.396,87 euros, máis 163.660 € por intereses e costas.

Roberto Alonso, secretario comarcal da CIG-Servizos explica que “detectamos que a empresa que demandara á Compañía de Protección y Vigilancia Galaica S.A. formaba parte dun entramado empresarial que utiliza a práctica de denunciar a empresas do seu mesmo grupo, como esta, para desta maneira embargarlle a cantidade citada máis os intereses e costas á administración pública”.

Para a CIG-Servizos o máis grave é que por mor destas presuntas prácticas  os  traballadores contratados por esta empresa estiveron sen cobrar un mínimo de tres mensualidades e en algúns casos mesmo máis.

Alonso engade a isto que é unha empresa que traballaba para a administración pública prestando servizos de seguridade privada, nomeadamente para a Xunta de Galiza. “E unha vez máis se comproba como estas empresas se aproveitan das privatización públicas para lucrarse de forma ilícita e sen importarlles o máis mínimo a situación na que estean os/as traballadores/as nin as súas familias”. Por iso reitera a demanda de que se rescaten as concesión de servizos públicos.

Mesmo domicilio social

Cando a CIG-Servizos tivo coñecemento deste embargo ditado polo xulgado de primeira instancia de Santiago, sendo demandante CERES Gestión Empresarial S.L, comezou a investigar quen era esta empresa e foi cando constatou que tiña o mesmo domicilio que Galaica. Posteriormente, revisando as contas que figuran no rexistro mercantil comprobou que ademais figuraban os mesmo administradores e administradoras.

A denuncia foi presentada o 17 de setembro de 2015 e admitida a trámite o 23 de setembro.

Roberto Alonso aclara que se “até o de agora non puxemos en coñecemento da opinión pública esta denuncia foi para non entorpecer a investigación xudicial”. Porén, unha vez que se descubriu toda a trama en Vigo, entende que “se debe saber op que está a pasar con este tipo de empresas e, sobre todo, a situación na que se atopa os/as seus traballadores/as”.

A CIG-Servizos demanda da administración pública, mentres non se rescaten estes servizos privatizados, que se artellen os mecanismos necesarios para recuperar a figuran de baixa temeraria e que non se contrate a empresas que presentan propostas á baixa nos concursos, porque quen perden son sempre as traballadoras e traballadores.

Alerta ademais de que, en casos como este, a administración paga dúas veces, unha á empresa e outra ao FOGASA cando se fai cargo dos salarios que ao final non cobran as traballadoras e traballadores.

Volver