CIG-Saúde rexeita a proposta do Ministerio de Sanidade sobre xubilación parcial e anticipada
A CIG-Saúde non acepta a proposta de xubilación parcial e anticipada presentada hoxe na reunión do ámbito de negociación do Ministerio de Sanidade. O sindicato considera inaceptábel que non quede perfectamente definido o dereito das traballadoras e dos traballadores da sanidade pública á xubilación parcial e anticipada, deixando o seu desenvolvemento condicionado a futuras normas de Seguridade Social, sen garantías nin prazos concretos.
Desde hai meses, a CIG-Saúde vén reclamando que o Estatuto Marco inclúa unha acción conxunta de goberno en diferentes materias fundamentais, entre elas a xubilación. Trátase dun ámbito que require a intervención coordinada de varios ministerios e do propio Goberno. “O que o sindicato agarda da negociación é unha negociación real, que permita estabelecer de forma clara e efectiva o dereito á xubilación parcial e anticipada para o persoal da sanidade pública”, salienta Manuel G. Moreira, representante da CIG na mesa negociadora.
Explica que no relativo á xubilación anticipada, o texto presentado polo Ministerio segue sen recoñecer o dereito das persoas con longas vidas laborais na sanidade a xubilarse antes da idade legal sen penalización. “Limítase a recoller a posibilidade de xubilación anticipada mediante coeficientes redutores, deixando novamente a súa aplicación en mans de futuros acordos e informes preceptivos, sen ningunha certeza sobre cando se farán efectivos”, critica.
En materia de xornada, o Ministerio continúa sen recoñecer o impacto das gardas localizadas na xornada laboral e nos descansos. Para CIG-Saúde é imprescindíbel que este tempo de traballo sexa recoñecido como tal e que se poña fin ao abuso deste tipo de xornadas, que supoñen unha sobrecarga para o persoal da sanidade
Non existe preacordo sobre a clasificación profesional
Na reunión do pasado luns 15 de decembro, a CIG-Saúde xa deixou claro que non existe ningún preacordo en relación coa clasificación profesional ligada ás retribucións. A proposta do Ministerio pasa por elaborar un acordo en materia retributiva vinculado á clasificación profesional, pero sen ningunha garantía de que chegue a materializarse.
Este posíbel acordo non conta coa participación nin coa aprobación doutros ministerios implicados e está condicionado á aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado, cuxa tramitación e calendario son incertos. “En definitiva, non existe unha acción de goberno conxunta, que é unha esixencia irrenunciábel da CIG-Saúde para garantir que as persoas que traballan na sanidade estean correctamente clasificadas e retribuídas”, lamentan.
A este respecto, CIG-Saúde advirte que non se pode permitir unha nova clasificación profesional sen unha correspondente subida salarial.
O vindeiro luns 22 celebrarase unha nova reunión do ámbito de negociación na que CIG-Saúde continuará esixindo un acordo retributivo ligado a unha clasificación profesional real, efectiva e con garantías.