CIG-Saúde reclama que o Estatuto Marco garanta a reclasificación retributiva, a xubilación anticipada e parcial e as 35 horas

Trasladará as súas propias emendas para que se teñan en conta no trámite no Congreso
Nacional - 22 Set 2026

A CIG-Saúde anunciou esta mañá que trasladará as súas emendas ao Estatuto Marco para que se teñan en conta no trámite que se iniciará agora no Congreso. O sindicato, que non asinou o novo texto tras tres anos de negociación co Ministerio de Sanidade, considera que non dá resposta a tres cuestións fundamentais: a reclasificación profesional con efectos retributivos, a regulación e garantía da xubilación anticipada e parcial e o establecemento dunha xornada de 35 horas semanais con descansos adecuados.

Así o explicou a secretaria nacional da CIG-Saúde, Ana Lestón, quen sinalou que o novo Estatuto Marco incorpora unha nova clasificación profesional acorde ás titulacións, pero sen que esta vaia acompañada dunha modificación retributiva. “O único que se facía, ou que se pretende facer co persoal estatutario, é unha reclasificación a custo cero”, afirmou. Neste sentido, lembrou que para o resto do persoal empregado públicos as reclasificacións si tiveron un recoñecemento retributivo acorde á nova clasificación.

Respecto da xubilación anticipada e parcial, Lestón subliñou que debe quedar regulada e garantida directamente no Estatuto Marco e non quedar supeditada a unha negociación posterior. “O feito de que todo quede a unha negociación posterior, sen garantías de éxito, senón simplemente nunha declaración de que se valorará tal actuación, non é garantía de nada”, advertiu.

35 horas e eliminación progresiva das gardas

En relación coa xornada, a CIG-Saúde reclama que o Estatuto Marco estableza unha xornada de 35 horas semanais para todo o persoal estatutario e que se afonde na eliminación paulatina das gardas. O obxectivo, explicou Lestón, é garantir os descansos, unhas condicións de traballo dignas, a conciliación e a posibilidade de traballar con calidade.

A secretaria nacional da CIG-Saúde advertiu de que o novo Estatuto Marco reduce o límite das 48 horas ás 45 horas, pero permite que determinados colectivos poidan estar obrigados a realizar ata 45 horas semanais en cómputo semestral. Para a organización, este sistema non ten en conta adecuadamente os descansos posteriores ás gardas e pode dar lugar a xornadas “enormes” para determinados colectivos.

Por iso, a CIG-Saúde considera que ese límite máximo debe reducirse e que a tendencia debe ser que todo o persoal traballe 35 horas semanais.

Lestón explicou ademais que existen experiencias en Galiza, como os acordos relativos aos médicos de urxencias ou aos médicos de PAC, nos que se establece unha distribución da xornada sen gardas. “Dicimos habitualmente que fan gardas, pero non fan gardas, están facendo quendas: é a súa xornada de traballo”, sinalou.

A CIG-Saúde tamén denuncia que o texto non incorpora unha regulación das gardas localizadas. Segundo explicou Lestón, non existe un límite para este tipo de gardas, polo que unha persoa podería estar localizada durante todos os días do ano, agás os períodos de vacacións, sen ningún tipo de compensación. Para a CIG-Saúde, que esta cuestión non estea regulada nin limitada “é un abuso” e supón “unha oportunidade perdida” no Estatuto Marco.

Un único Estatuto Marco e un único ámbito de negociación

A CIG-Saúde defende tamén a existencia dun único Estatuto Marco para todas as categorías profesionais. Lestón sinalou que o feito de que existan categorías con condicións específicas non impide que o propio Estatuto regule esas particularidades e as súas condicións de traballo propias, garantindo resposta ás demandas dos diferentes colectivos.

Neste sentido, rexeita tamén a existencia de ámbitos de negociación diferenciados. “Consideramos que dentro dun mesmo marco de negociación é posible abordar todas as necesidades e todas as demandas dos profesionais”, explicou.

O Estatuto Marco xa foi aprobado polo Consello de Ministros e atópase no Parlamento do Estado español para o seu debate, nun momento no que os grupos parlamentares están a presentar emendas. A CIG-Saúde trasladará as súas propostas aos grupos parlamentares para reclamar que no trámite parlamentario se dea resposta ás cuestións que, segundo a central sindical, o Ministerio de Sanidade non quixo incorporar durante a negociación.

Para a CIG-Saúde, un Estatuto Marco común non significa que todas as categorías teñan que ter condicións de traballo idénticas, senón que debe recoller os dereitos e necesidades comúns e, ao mesmo tempo, as especificidades de cada colectivo ou categoría.