CIG-Saúde presenta alegacións ao decreto "que deixa na periferia e na indefensión o/a doente"

Reclama a Sanidade que o anteproxecto regrese á Mesa Sectorial para o seu debate
Nacional - 09 Ago 2017

A CIG-Saúde vén de presentar alegacións ao anteproxecto de modificación da Lei de Saúde de Galiza que, entre outras cuestións, contempla a supresión das áreas sanitarias do Salnés, A Mariña, Monforte e O Barco. A Federación da CIG solicita a paralización inmediata deste decreto e que o documento regrese á Mesa Sectorial como punto da orde do día para a súa negociación real coas organizacións sindicais.

Neste senso, dende CIG-Saúde denuncian que a experiencia dos últimos anos confirma que o prazo de alegacións en materia de ordenación sanitaria "só serve para que a administración cumpra co tramite de 'negociación' en mesa sectorial, que reiteradamente confunde cun tramite de comunicación"; mais en ningún caso serve para que se incorporen as achegas presentadas.

Por iso, a secretaria Nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, asevera que "se o goberno do Partido Popular e a Consellaría de Sanidade consideran necesaria unha nova ordenación, deben crear un grupo de traballo para debater sosegadamente este tema, baseándose na evidencia e na procura dunha mellora da calidade e da asistencia sanitaria; e non só crear super estruturas con super xerentes". "Se o obxectivo é por o/a doente no centro do sistema, este decreto déixao/a na periferia e na indefensión", asevera.

Desenvolver a atención primaria

Neste liña, a CIG-Saúde demanda que, previa celebración da mesa sectorial, se remita á representación dos e das traballadoras unha avaliación seria da experiencia que a xestión integrada tivo nestas áreas e da súa incidencia na asistencia sanitaria nestes hospitais.

"A Consellaría de Sanidade debería utilizar este rango de Lei para vincular as xerencias coas áreas sanitarias, e crear as áreas de Barbanza, Verín e Cee, para xestionar os centros hospitalarios de forma integrada coa súa primaria; e non para eliminar as actuais áreas sanitarias", engade Abuín.

A CIG entende que se está a perder a oportunidade de recuperar as estruturas de Atención Primaria para que esta non siga subordinada ás estratexias de xestión dos centros hospitalarios de referencia. A atención primaria precisa dun maior impulso para mellorar a súa calidade, a dotación de persoal e recursos, e acadar un correcto funcionamento da súa carteira de servizos, actualmente subdesenvolvida.

Falta de información

No escrito de alegacións, a CIG-Saúde destaca a falta de información sobre futuras mudanzas que afectan aos traballadores e traballadoras do SERGAS e que non están clarificados, tales como o ámbito de nomeamento do persoal, dos postos ofertados no concurso de traslados, ou da contratación, así como as cuestións referidas á mobilidade forzosa entre centros.

Similitudes coa Lei Mordaza

No ámbito da participación cidadá, a CIG-Saúde destaca as "similitudes" entre o anteproxecto de modificación presentado pola Consellaría e  a "Lei Mordaza", xa que pretende suprimir as competencias actuais dos Consellos de Saúde de Área e do Consello Galego de Saúde.

Abuín fai esta aseveración por canto no anteproxecto se elimina o punto 5 do artigo do artigo 25 da actual Lei de Saúde de Galiza, que recolle que unha das funcións deste consellos é "coñecer e emitir informe sobre o anteproxecto do Plano de Saúde ou documento estratéxico da área sanitaria e ser informadas/os da súa avaliación".

"O verdadeiro obxectivo para modificar as competencias da participación cidadá, é que esta non teña coñecemento de, entre outras actividades, a concertación cos centros privados", advirte a secretaria nacional da CIG-Saúde.