CIG-Saúde participa coa veciñanza da Mariña nunha nova protesta a prol da derrogación da Lei de Saúde

Reivindican volver ser área con recursos e capacidade de xestión

Viveiro -

A CIG-Saúde apoiou e participou activamente na concentración realizada na tarde deste mércores por veciños e veciñas de Viveiro para esixir a derrogación da Lei de Saúde aprobada pola Xunta do PP, pola que se suprimiu a área sanitaria da Mariña, agora convertida nun distrito de Lugo. A protesta tivo lugar coincidindo coa celebración do pleno municipal de Viveiro, e a veciñanza non quixo perder a ocasión de amosar novamente a súa indignación coas concelleiras e concelleiros do PP que no seu día votaron en contra dunha moción na que se abogaba pola continuidade da área sanitaria.

Co ollo posto na actualidade, na protesta fíxose alusión a sentenza do caso Gurtel con berros nos que se indicou que a “privatización da sanidade pública tamén é corrupción”.

Desprazamentos constantes de doentes

Dende a CIG-Saúde lembran que no ano 2013 a Mariña xa perdera a capacidade de xestión “e agora a Lei de Saúde do PP suprime a área sanitaria”. Denuncian que a dependencia orgánica que teñen os centros da Mariña do Hospital de Lugo implica a centralización dos servizos na capital da provincia e a conseguinte perda de servizos e especialidades en Burela, así como desprazamentos constantes da poboación, “nalgúns casos a máis de hora e media de viaxe para realizar probas e consultas que até agora facían nas súas comarcas”.

“Estanse incrementando as listas de agarda e hai un aumento das derivacións de doentes non só a hospitais privados da provincia, senón mesmo a hospitais da Coruña, co que iso implica de desprazamentos para as persoas enfermas e para as súas familias”, advirten dende CIG-Saúde.

Un hospital ampliado pero sen servizos

En canto aos servizos no Hospital da Costa, a central sindical subliña que se procedeu a ampliar o espazo físico pero isto non foi acompañado de novos servizos nin prestacións sanitarias. Algo similar ao que está a acontecer no Hospital de Monforte. “Con esta Lei de Saúde, o PP busca centralizar servizos nos hospitais de referencia e alimentar o negocio da sanidade privada”.

De feito, destacan que “a conta de resultados dalgúns destes centros, como POLUSA ou a Nosa Señora dos Ollos Grandes, que curiosamente acometeu recentemente unha importante reforma das instalacións, non paran de medrar a medida que se reduce a carteira de servizos do hospital de Burela”.

CIG-Saúde alerta que as consecuencias da centralización sanitaria xa se viña percibindo na Mariña na forma de perdas de servizos, e agora veranse agravadas. Así, nos últimos tempos comezouse a derivar a Lugo desde Burela a implantación de marcapasos e inclusive o cambio de pilas dos mesmos, os partos de prematuros ou os múltiples, malia contar o Hospital da Costa con unidade de prematuros, a maioría das operacións de cataratas, hernias ou fimose, e as cirurxías programadas de traumatoloxía.

Fronte a este deterioro, a federación de saúde esixe a derrogación da reforma da Lei de Saúde Galega e reclama a creación dunha área de xestión integrada propia para a Mariña, un cambio nas políticas de recortes en materia sanitaria para evitar o colapso dos servizos en asistencia primaria e especializada e demanda que a administración deixe de alimentar con fondos públicos a sanidade privada en detrimento do sistema público.

Volver