CIG-Saúde Monforte denuncia que o Sergas non convoca vacantes e hai 22 prazas con contratos de acúmulo

Monforte - 17 Xan 2024

A CIG-Saúde denuncia a non convocatoria de vacantes no distrito de Monforte, chegando neste momento a ter 22 prazas (no hospital e na Atención Primaria) cubertas con contratos de acúmulo. A central nacionalista reclámalle ao Sergas que estas prazas "se transformen en prazas orzamentadas e se cubran con contratos de interinidade para unha mellora da atención e das condicións laborais das e dos profesionais da sanidade".

O delegado da CIG, Vicente Vázquez, advirte que no Hospital de Monforte hai prazas que están cubrindo con acúmulo "dende hai máis de 6 anos, cando se tiñan que cubrir con vacante". Subliña que hai que se estabilizar a todo o persoal, non só ao médico, porque nin a sanidade pública nin as persoas traballadoras poden resistir con contratos de acúmulo renovábeis mes a mes, prorrogábeis até nove meses.

O Sergas segue esta política de contratación precaria, denuncia a CIG-Saúde, "para non ter que dar vacacións ao persoal e tamén no caso de que unha persoa se poña de baixa, perda o contrato".

Pero esta elevada rotación provoca que cada nove meses, como máximo, cambie o persoal "co que a atención para as e os doentes non é a mesma que se hai unha persoa estábel durante anos". Ademais, critican que este procedemento "non é forma de estabilizar o persoal" e lembran que existe unha sentenza da UE que estabelece que este tipo de contratos teñen que desaparecer.

Vacantes que se tiña que dar o Sergas e que a día de hoxe están cubertas con contratos precarios:

  • Persoal Técnico Superior en Laboratorio Clínico: 1 acúmulo  dende 2019.
  • Persoal Técnico Superior en Farmacia: 3 acúmulos de tarefas que levan 6, 4 e 3 anos.
  • Persoal Celador:  Urxencias, 5 acúmulos de tarefas dende 2019; Porta, 2 acúmulos de tarefas dende 2019.
  • Persoal de Enfermaría: Urxencias, 1 acúmulo de tarefas dende 2019; Traumatoloxía, 1 acúmulo de tarefas dende 2020.
  • Persoal Técnico en Coidados Auxiliares de Enfermaría: Urxencias, 2 acúmulos de tarefas dende 2019.
  • Grupo Auxiliar da Función Administrativa: 1 no rexistro electrónico dende o 2020; 1 en atención ao/á paciente dende o 2020; 1 en Farmacia dende 2019.
  • Fisioterapeuta: 1 acúmulo de tarefas de tarde.

 Atención Primaria:

  • Pediatría itinerante zona sur de Monforte, leva máis de 5 anos cuberta con acúmulo.
  • PAC de Monforte, leva máis dun ano en acúmulo.
  • PAC de Chantada, estivo cuberta con contrato de continuidade durante un ano, que cesou cos traslados e agora mesmo hai 1 acúmulo.