CIG-Saúde exixe que se negocien os permisos e licenzas do persoal estatutario do SERGAS

Denuncia que se lles oculta ás traballadoras xestantes o dereito a gozar dun permiso retribuído a partir da semana 37

Compostela -

A CIG-Saúde vén de remitir un escrito dirixido ao conselleiro de Sanidade, ao xerente do Sergas e á directora de Recursos Humanos en demanda da inmediata convocatoria dunha mesa sectorial na que se aborden os permisos e licenzas do cadro de persoal no ámbito estatutario.

CIG-Saúde lembra que en maio de 2015 publicábase a Lei do Emprego de Galiza e en outubro o Real Decreto polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto Básico da/o Empregado/a Público. Dúas normas nas que se recolle unha nova concesión de permisos e licenzas referentes a: permisos por enfermidade, hospitalización e coidado no domicilio do familiar, conciliación familiar, ausencia do posto de traballo por enfermidade, por xestación.. e que no caso de Función Pública mesmo inclúe o permiso para doazón de sangue.

María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde sinala que en cumprimento desta normativa, tanto a Dirección de Función Pública como a Consellaría de Educación, negociaron nas súas respectivas mesas sectoriais a regulación destes permisos para o persoal do seu ámbito. “Na Orde de Función Pública recolle expresamente que esta regulación non será de aplicación ao persoal estatutario; entendendo que o persoal estatutario ten o seu propio ámbito de negociación”, especifica Abuín.

Diante disto, a secretaria nacional da CIG-Saúde denuncia que tanto o conselleiro de Sanidade, como o Xerente do SERGAS e a Directora de Recursos Humanos “son plenamente conscientes da dificultade que ten o persoal do SERGAS para gozar dos permisos regulados na normativa”.

Dificultades que atribúe á prestación de servizo a través de quendas; á prestación ininterrompida durante as 24hs do día, os 365 días do ano; ás condicións específicas nas que se desenvolve a asistencia sanitaria e que motivan que o SERGAS teña que establecer unha regulación propia destes permisos.

Porén denuncia que os máximos responsábeis do Servizo Galego de Saúde, que deberían ser os máximos interesados en facilitar os dereitos das/os traballadoras/es, nin sequera “responden á petición reiterada de negociar na mesa sectorial do SERGAS unha norma propia que recolla as especificidades do traballo na sanidade pública” e que, entre mentres “denegan os permiso aos que o persoal ten dereito”.

Por iso exixe que, de inmediato se convoque a mesa sectorial para abordar a negociación dos permiso e licencias no ámbito estatutario.

Permisos para xestantes

Neste sentido, denuncia as consecuencias que isto está a ter especialmente para as traballadoras en estado de xestación. “A falta dunha regulación actualizada dos permisos e a negativa a sequera publicar mediante resolución aqueles aos que teñen dereito as mulleres xestantes está dificultando que estas fagan uso deles”.

A CIG-Saúde lembra que a disposición adicional décimo sexta do Estatuto Básico do Empregado/a Público/a recolle o dereito das mulleres xestantes, traballadoras do SERGAS, a ter un permiso retribuído a partir do primeiro día da semana 37 de embarazo até a data do parto. Un permiso que, no caso de xestación múltiple iniciarase desde o primeiro día da semana 35.

Abuín subliña que o feito de non se ter publicado “ningunha resolución, non quer dicir que as traballadoras xestantes do SERGAS non teñan dereito a este permiso. Simplemente quer dicir, que o SERGAS pretende roubarlle este permiso as súas traballadoras”, afirma.

Por iso, fronte o silencio do SERGAS, a CIG-Saúde lembra ás traballadoras que poden solicitar este permiso e exercer así os seus dereitos ao igual que calquera outra empregada pública. “Con este silencio, o SERGAS e a consellaría de Sanidade poñen de manifesto a súa nula preocupación pola maternidade e pola saúde das mulleres xestantes”, denuncia María Xosé Abuín.

Volver