CIG-Saúde exixe que o helicóptero do 061 non voe sen garantías de seguridade

O sindicato denuncia o silencio da Dirección, reclama a intervención inmediata de Prevención de Riscos Laborais e advirte de que a seguridade do persoal e das persoas usuarias non é negociábel
Santiago de Compostela - 27 Nov 2026

A CIG-Saúde exíxelle á Dirección da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galiza-061 que non permita a reincorporación do helicóptero medicalizado da base de Santiago mentres non estean plenamente acreditadas as garantías de seguridade. Segundo a información trasladada polo propio persoal, a aeronave inoperativa desde o pasado 6 de novembro por problemas de mantemento, volve prestar servizo.

Consideran inadmisíbel que, despois de vinte días sen helicóptero operativo e das reiteradas denuncias de CIG-Saúde, sexan novamente as traballadoras e os traballadores quen informen desta situación, sen que a Dirección trasladase oficialmente as condicións nas que se pretende recuperar o servizo.

Na reunión do pasado 19 de novembro, a Dirección do 061 comprometeuse a non por en risco a seguridade das aeronaves, a trasladar ao SERGAS a petición de paralización do contrato con Eliance e a axilizar a tramitación dun contrato de emerxencia. Tamén se comprometeu a dar resposta no prazo dunha semana, "pero ese prazo rematou e seguimos sen información".

A prevención de riscos laborais non pode seguir ausente

CIG-Saúde considera de extrema gravidade que, malia as advertencias do persoal sobre os problemas de mantemento, a seguridade das aeronaves e a situación da empresa adxudicataria, non exista constancia de ningunha actuación específica por parte do Servizo de Prevención de Riscos Laborais.

"A Fundación ten a responsabilidade de garantir a seguridade e a saúde do seu persoal. Non pode delegar esa responsabilidade na empresa adxudicataria nin limitar a súa actuación á comprobación dos requisitos de aeronavegabilidade", subliña.

Por este motivo, CIG-Saúde dirixiuse por escrito á Dirección do 061, ao Comité de Seguridade e Saúde e á persoa responsábel de Prevención de Riscos Laborais, exixindo:

  • A convocatoria urxente e extraordinaria do Comité de Seguridade e Saúde.
  • A intervención inmediata do Servizo de Prevención de Riscos Laborais.
  • O acceso á documentación técnica e aos informes de mantemento que acrediten as garantías de seguridade.
  • A revisión da avaliación de riscos laborais, incluídos os riscos psicosociais derivados da inseguridade e da desconfianza manifestadas polo persoal.
  • Unha resposta por escrito antes da reincorporación da aeronave.

Non hai que agardar a que se produza un accidente para actuar

Para CIG-Saúde, a situación do transporte sanitario aéreo deixou de ser un problema puntual de mantemento para converterse nun problema de xestión, de responsabilidade e de prevención de riscos laborais.

"A Dirección do 061 e o SERGAS deben asumir as súas responsabilidades. Non abonda con anunciar solucións nin con manifestar preocupación mentres o persoal continúa sen respostas", engade.

CIG-Saúde mantén a exixencia de paralizar o contrato con Eliance, tramitar un contrato de emerxencia e reforzar as unidades terrestres de soporte vital avanzado mentres non se poida garantir a prestación do servizo aéreo en condicións de seguridade.