CIG-Saúde denuncia que o peche de unidades no HULA está a provocar o colapso do servizo de Urxencias

Alertan do amoreamento de doentes por imposibilidade de hospitalización

Lugo -

O peche plantas no Hospital de Lugo durante o verán está a provocar a saturación do servizo de Urxencias, que durante esta semana viviu momentos de amoreamento de doentes, nomeadamente, subliña a CIG-Saúde na tarde e a noite do martes. Unha situación que se prolongou até o mércores.

A CIG-Saúde de Lugo denuncia que nestes momentos están pechadas tres unidades do HULA: Xeriatría e Medicina Interna (dende o 1 de xullo) e Traumatoloxía, dende o día 15. "Isto provoca que o hospital se vexa cunhas urxencias saturadas por imposibilidade de hospitalizar os/as doentes que o precisan e coas unidades de hospitalización cheas de doentes que non pertencen á súa especialidade".

Nestes momentos están pechadas tres unidades do HULA: Xeriatría, Medicina Interna e Traumatoloxía

A modo de exemplo, relatan que hai 11 pacientes de Traumatoloxía en Xinecoloxía, e outras tantas persoas entre Uroloxía e Trauma, diseminadas polas dúas unidades de Cirurxía Xeral e Dixestiva.

O colapso é tal que na note do martes houbo que reforzar todas as categorías  de profesionais en Urxencias para poder atender as necesidades asistenciais, "pero o que non se puido facer foi darlle aos/ás doentes as condicións de ingreso requiridas polo sentido común e tamén polos dereitos seus dereitos", advirte a CIG-Saúde.

Na tarde do mércores permanecían varios/as pacientes de Traumatoloxía en Observación esperando ingreso "e irán de novo para Cirurxía, que ademais ten ingresos programados desta especialidade".

Para a CIG-Saúde de Lugo, a política de peche de plantas excede o mero criterio economicista do aforro -é un diñeiro pouco significativo no total dos orzamentos hospitalarios-, "senón que ten a ver con manter a bandeira da descapitalización da sanidade pública, negándose a aprender da evidencia e denotando unha total falta de respecto a traballadores/as e usuarios/as".

Volver