Comeza a campaña da gripe sen os profesionais saber se poden subministrar a vacina

CIG-Saúde solicita de Sanidade que demande do Ministerio a retirada inmediata do R. D. 954/2015

Nacional -

A CIG-Saúde demandou xa no mes de setembro da consellaría de Sanidade que se aclarara a situación xurídica das enfermeiras/os para poder administrar a vacina da gripe. A piques de comezar a campaña segue sen haber unha resposta por parte da administración o que “está xerando unha situación de indefensión xurídica e, en consecuencia de malestar e incertidume entre as/os profesionais”, denuncia a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín.

Lembra que desde outubro de 2015, cando entrou en vigor o Real Decreto polo que se regula a indicación e autorización de dispensación de medicamentos e produtos sanitarios de uso humano por parte das/os enfermeiras/os, “se provocou no ámbito sanitario un conflito inxustificado e innecesario porque se retrotraía a prestación de servizos por parte deste colectivo a tempos pasados baleirando de contido as súas competencias profesionais”.

Desde aquela a CIG-Saúde vén reclamando da Consellaría de Sanidade e do SERGAS que se esixa ao Ministerio de Sanidade a retirada dese R/D, ao igual que o están a facer o resto de servizos de saúde das comunidades autónomas. Porén, María Xosé Abuín asegura que “non temos coñecemento de que Consellaría ou SERGAS fixeran  algo a este respecto, máis alá de publicar unha nota informativa asinada polo Conselleiro de Sanidade en marzo do ano pasado”.

Enfermeiras/os  non poden administrar ningún medicamento sen prescrición médica

A secretaria nacional de CIG-Saúde sinala que sen a retirada dese Real Decreto as enfermeiras e enfermeiros non poden administrar ningún medicamento sen prescrición médica, aínda que a vacina da gripe estea regulada como unha campaña de cobertura xeral da poboación, tal e como recoñeceu, entre outras, unha sentenza emitida o pasado mes de xullo polo Tribunal Superior de Xustiza do Pais Vasco que anula a instrución emitida polo Servizo Vasco de Saúde.

O alto tribunal matiza ademais que “o interese publico non é autoorganización da demanda, senón o subministro das vacinas a quen as necesita, subministro  que deberá prescribir e pautar  polas/os  profesionais aos que habilita o R/D” e afirma que unha instrución non pode anular o contido dun Real Decreto.

Por iso Abuín denuncia que a comunicación da Consellaría de Sanidade “é so unha nota informativa, nin sequera ten rango de instrución” e que iso é o que xera inseguridade xurídica no labor deste colectivo.

Distorsións na prestación do servizo

Ante a gravidade destes feitos, e a distorsión na prestacións de servizo que vai ter esta sentenza, non só na próxima campaña de vacinación da gripe, senón na prestacións de servizo diario das enfermeiras/os, diversas/os Conselleiras/os de Sanidade veñen de dirixirse á Ministra de Sanidade para que de xeito urxente se convoque unha reunión do Consello interterritorial do Sistema Nacional de Saúde.

Volver