CIG-Saúde denuncia a “opacidade” da convocatoria da promoción “Código Camiño” da ACIS

Demanda a súa paralización até comprobar que se cumpriron os requisitos de selección

Nacional -

A CIG-Saúde vén de solicitar acceso á información referida á convocatoria da promoción “Código Camiño: hackaton en saúde para ideas de valor” convocada pola Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS). En concreto demanda a identificación nominal das persoas que formaron parte do grupo de expertos do SERGAS para seleccionar aos candidatos e candidatas; os criterios de selección e unha copia das actas das reunións nas que se tomaron as decisións ao respecto.

A solicitude de CIG-Saúde vén motivada polas queixas transmitidas á central sindical sobre a opacidade dos criterios de selección deste proxecto financiado con fondos públicos.

Así, a secretaria nacional, María Xosé Abuín, explica que nas bases desta convocatoria presentábase como data límite de presentación das propostas o 24 de febreiro e nese momento había 28 solicitudes de participación segundo a propia web da promoción.

A ACIS reservábase o dereito de aprazar ou modificar a duración da promoción por causas de forza maior ou alleas o seu control e así se fixo, aprazando até o 28 de febreiro. Unha decisión que, segundo a CIG-Saúde, foi adoptada “sen mediar causas de forza maior ou alleas o seu control”.

Ademais, ao remate do prazo, o total de solicitudes ascendía a 33, pero “nin na páxina da promoción, nin nas bases aclarábanse os criterios de selección dos participantes”, afirma Abuín. E non só iso, as/os concorrentes con propostas que foron desbotadas recibiron unha comunicación mediante correo electrónico “sen datar, nin asinar”.

Diante disto, a CIG-Saúde exixe a paralización do proceso até recibir información sobre o mesmo e comprobar que se cumpriron os requisitos mínimos de selección do “Sector Público”.

Volver