CIG-Saúde denuncia a falta de pediatra no centro de Viveiro

Viveiro - 23 Nov 2017

O centro de saúde de Viveiro vai quedar só cun pediatra xa que o outro titular estará ausente do seu posto entre o 20 e o 24 de novembro. A CIG-Saúde da Mariña esixe que se cubra esa praza e poñan así fin a unha situación que "se vén repetindo sen excepción dende hai anos cada vez que algún dos pediatras titulares ten que ausentarse do seu posto de traballo, o que xera un profundo malestar na cidadanía do concello por atoparse sen atención axeitada para os nenos e nenas». 

A situación, afecta ás/aos habitantes de Viveiro e dos concellos limítrofes de Ourol e o Vicedo. Esta situación agravarase no período de nadal polas ausencias programadas dos profesionais da pediatría.

A solución que achega a Xerencia de Lugo é "forzar citas a maiores na axenda", sendo habitual citar a catro pacientes no mesmo tempo, o que provoca "frustración no profesional pola sobrecarga asistencial que lle impide atender aos seus pacientes dedicándolle o tempo que consideran necesario para unha boa atención".

Esta política de ausencia de contratación do SERGAS “prexudica a calidade asistencial” e fai que os poucos pediatras que hai, "procuren fuxir" da Atención Primaria ou se vaian a outras comunidades en busca dunhas condicións de traballo mellores.

“A ausencia de profesionais sen substituír converteuse no habitual, e a precariedade na contratación (nas poucas ocasións nas que se contrata alguén) é a norma xeral”, denuncian desde CIG-Saúde, unha situación que cualifican de “absoluta vergoña”.