Denuncian a falta de medidas preventivas no servizo de anatomía patolóxica no Hospital da Costa

CIG-Saúde da Mariña puxo esta situación en coñecemento da Inspección de Traballo
A Mariña - 11 Set 2017

A CIG-Saúde da Mariña presentou denuncia na Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social de Lugo diante da situación que se está a dar no Servizo de Anatomía Patolóxica do Hospital da Costa, debido á ausencia de medidas preventivas no almacenamento e condicións de uso de formaldehido (clasificado como canceríxeno e mutáxeno 1B).

A Federación de Saúde subliña que isto supón un incumprimento da normativa de prevención de riscos laborais e da protección da saúde e seguridade dos traballadores  e traballadoras “relacionados cos axentes químicos durante o traballo”.

O delegado da CIG-Saúde, Xoán Bouza, explica que o formaldehido é amplamente utilizado na contorna hospitalaria como axente conservante e fixador de tecidos. O seu uso é tamén xeneralizado nos laboratorios de anatomía patolóxica, onde existe unha exposición importante por parte dos traballadores e traballadoras.Trátase dun composto que causa irritación das vías respiratorias superiores, asma e bronquite, mentres que por contacto pode causar eccemas alérxicos, ademais de efectos canceríxenos.

Así, engade, “estes feitos dan como resultado unha situación que, de non tratarse coas medidas adecuadas, pode xerar un problema serio de saúde ocupacional para o persoal empregado nos laboratorios de anatomía patolóxica”.

Dende CIG-Saúde da Mariña afirman que no Servizo de Anatomía Patolóxica do Hospital da Costa non existe ventilación xeral (obrigando a abrir fiestras e usar ventiladores portátiles), e no que respecta á existencia de extraccións localizadas na zona de manexo de formaldehido “soamente existe na sala de tallado, non hai ningún armario nin local específico para o almacenamento da substancia con extracción e a sala de autopsias non cumpre os requisitos para o seu fin a nivel material e de espazo, atopándose nunha situación insalubre”.

Fronte a isto, a CIG entende que hai que priorizar a seguridade no traballo, “cos mínimos de calidade esixíbel, e ante o desleixo desta Xerencia Executiva do Hospital da Costa vémonos na obriga de interpoñer denuncia no organismo pertinente”.