CIG-Saúde demanda a derrogación do Decreto de prescrición enfermeira

Denuncia a situación de inseguridade xurídica creada e demanda unha norma que se adecúe á realidade profesional do colectivo

Compostela -

A CIG-Saúde vén de dirixirse á consellaría de Sanidade para demandarlle que emita de forma urxente unha circular ou instrución sobre a aplicación do Real Decreto polo que se regula a indicación, uso e autorización de dispensación de medicamentos e produtos sanitarios de uso humano por parte das e dos profesionais de enfermería, pola inseguridade xurídica que crea no exercicio das súas funcións. Xunto a isto solicita que se dirixa ao goberno central en demanda da derrogación desta norma.

A CIG-Saúde entende que é imprescindíbel que nesa circular a consellaría aclare cales son as funcións e responsabilidades que debe asumir cada colectivo dentro da súa actividade profesional, para evitar que a situación de inseguridade xurídica creada chegue a afectar á calidade asistencial que reciben as e os doentes.

Considera ademais que é necesaria a derrogación dese Decreto e a aprobación dunha nova norma que concite o consenso entre as diferentes administracións sanitarias e as e os profesionais médicos e de enfermería, adecuando á realidade existente na práctica diaria da enfermería e as súas competencias profesionais.

A secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, explica que o Real Decreto é un texto que “non responde aos criterios aprobados no seu día polo Consello Interterritorial e foi aprobado sen consenso polo Goberno central actualmente en funcións” e advirte de que súa publicación e entrada en vigor está a producir un clima de conflito entre colectivos profesionais que pode afectar negativamente á calidade asistencial do servizo.

Inseguridade xurídica

A CIG-Saúde asegura que este Real Decreto provoca unha grave inseguridade xurídica para as e os profesionais médicos e de enfermaría.  Denuncia que resulta de difícil aplicación práctica, ao dispor que o profesional prescritor "tivo que determinar o diagnóstico, a prescrición e o protocolo ou guía de práctica clínica e asistencial a seguir" e que tales guías terían que ser validadas conforme ao establecido no artigo 6 de devandito Real Decreto, cando tales protocolos “non se elaboraron” e, por tanto, “non están definidos nin validados no momento da súa entrada en vigor”.

Por iso demanda a emisión desa circular informativa para as e os profesionais, que se pida a derrogación do Decreto e a aprobación dunha nova norma.

Volver