A CIG-Saúde de Compostela-As Rías critica que as situacións vividas na área sanitaria durante a xornada de folga xeral do pasado 11 de novembro “resultaron inadmisíbeis” e avanza que denunciará na vía xudicial o abuso dos servizos mínimos.
A secretaria comarcal, Ana Vilariño, manifesta que se produciu contratación de persoal e pagouse xornada complementaria para cubrir postos de persoas que exerceron o seu dereito á folga, “coa intencionalidade de manter xornada ordinaria ou, coma no caso do quirófano e a Unidade de Espertar e Reanimación, para facer peonadas”.
Destaca tamén Vilariño que se mobilizaron persoas designadas como mínimos, como no servizo de Farmacia e Urxencias; se denegaron permisos xa concedidos; e mesmo “se desinformou e ameazou o persoal en formación e residente, negándolle o seu dereito a acollerse a xornada de folga”.
Sen contestación da Xerencia
A CIG-Saúde lamenta a falta de contestación da Xerencia á información solicitada sobre estas prácticas, e que tampouco se producira unha convocatoria a Xunta de Persoal para tratar todas estas incidencias, a pesar de así telo pedido dende o sindicato nacionalista.
A representación da CIG na área sanitaria salienta que “seguiremos denunciando todas estas situacións até que as persoas traballadoras poidan exercer o seu dereito á folga e melloren as condicións laborais”. Especialmente nun contexto no que “as condicións de traballo son cada vez máis precarias, con conxelacións salariais e a perda da capacidade adquisitiva ante o aumento da carestía da vida”.