CIG-Saúde de Compostela denuncia o peche, no verán, de consultorios en Boiro, Codeseda, Lira, O Pindo, Abellá e Porto do Son

Advirte do desmantelamento que sofre a atención primaria na Área de Xestión integrada de Santiago

Compostela -

Representantes sindicais da Área de Xestión Integrada de Santiago recibían, nunha xuntanza celebrada o pasado venres, o anuncio de peche, durante o verán, de distintos consultorios de Atención Primaria en Cabo de Cruz ( Boiro ), Codeseda ( A Estrada ), Lira e o Pindo (Carnota ), Abellá ( Pontecarreira ) e Porto do Son na quenda deslizante de T.

A CIG-Saúde de Compostela denuncia o desmantelamento da Atención Primaria nesta Área Sanitaria e asegura que, lonxe de pechar estes consultorios o que tiñan que facer era reforzados, nomeadamente os de concellos como Boiro, Carnota ou Porto do Son, por mor do aumento de poboación durante o verán.

Explica que a xerencia xustificou estes peches argüíndo que non hai profesionais para cubrir as prazas en especialidades como pediatría ou medicina de familia e que trata así de conciliar as vacacións do persoal.

Porén, para a CIG-Saúde de Compostela, estes peches, ademais de responder a unha cuestión de aforro económico “puro e duro”, prodúcense ao non existir unha política de contratación de profesionais acorde coas súas necesidades.

Entenden que por iso se producen, todos os anos, situacións nas que as e os distintos profesionais que acaban a súa formación reglamentada e que pasaron non menos de 4 anos na área de Xestión (MIR de Familia, MIR de Pediatría...) “son ninguneados pola política de contratación desta Xerencia e Dirección de RRHH, ofertándoselles auténticas penurias de contratos, por días soltos, semanas ou altas e baixas na Seguridade Social a discreción sempre da empresa”.

Fronte a isto sinalan que hai áreas próximas de Xestión que “fidelizan a este persoal mediante a realización de contratos estables en tempo, xuntando distintos contratos en lotes e ofrecéndolles condicións laborais máis dignas, con contratos de meses, mentres aquí son por días, semanas ou, como moito, quincenas”.

Para a CIG-Saúde o desmantalemento de primaria provoca un maior uso das urxencias hospitalarias e de PAC o que xenera unha sobrecarga e unha saturación destes servizos que xa de por si están sempre ao límite.

Por iso reclama a estabilización de todo o persoal mediante a oferta de contratos acorde coas necesidades. “Esta área de xestión non pode permitir que traballadores/as que estiveron 4 anos en formación marchen para outras áreas” afirma e pregúntase “de que vale formar ao persoal, se logo marcha por mor dunha mala política de persoal”.

A CIG-Saúde responsabiliza desta situación á Xerencia, mais tamén ao “finiquito” do Plan de Mellora de Atención Primaria, que levaba aparellada unha estabilización de prazas de traballo por parte da Consellería.

Lembra que a redución do orzamento sanitario público desde que entrou o goberno de Núñez Feijoo representa o 30,4% do gasto público en Galiza. “Baixaron o orzamento sanitario un 18;3% dende o 2009, e un 10,2% respecto do ano pasado. Galiza é onde se fixo o recorte maior, reducíndose en atención primaria un 22,3% menos que no 2009. Respecto do ano pasado a reducción é dun 25,3% . O recorte foi moito menor no nivel hospitalario: un 0,2% de recorte respecto do ano 2009, e un crecemento dun 2,9% respecto do ano pasado”.

Volver