CIG-Saúde de Compostela denuncia nomeamentos a dedo e sobresoldos para os cargos de responsabilidade

Reclaman que se garanta o acceso atendendo aos criterios de igualdade, mérito e capacidade
Compostela - 02 Mar 2018

Representantes da CIG-Saúde de Compostela compareceron esta mañá en rolda de prensa para denunciar que, desde hai anos, a Xerencia de Compostela fai nomeamentos a dedo para ocupar cargos de responsabilidade e que eses postos, de xefatura, coordinación, encargado ou supervisión, son compensados economicamente con sobresoldos, mediante horas extra que non existen ou en concepto de complementos que non se corresponden coa realidade.

Segundo explicou Xosé Manuel Marcote, aínda coñecendo esta situación desde hai tempo, a CIG non a puido denunciar até non ter conseguidas as probas necesarias para levala a cabo. “É unha situación completamente irregular e, agora,  hai probas de máis de 50 casos só nesta Xerencia que afectan a todas as categorías de persoal: xefaturas médicas, supervisións de enfermería, encargadas/os de mantemento, xefes de persoal subalterno, encargados de quenda, coordinacións e xefaturas de persoal administrativo, algúns deles, nomeados de xeito provisional pero mantendo esta situación de xeito indefinido”.

Marcote asegurou que os sobresoldos detectados figuran como horas extra sistematizadas,  “todos os meses un traballador cun cargo nesta Xerencia, casualmente, fai o mesmo número de horas extra, sen que exista ningún rexistro desa actividade, cobrando, por suposto, a mesma cantidade mensual nese concepto”.

Cargos a carta.

Os representantes da CIG-Saúde subliñaron ademais que hai “cargos herdados ou adxudicados a dedo sen que en moitas ocasións exista, ningún tipo de convocatoria pública como marca a normativa”  vulnerándose, polo tanto, os principios de igualdade, mérito e capacidade, impedindo dun xeito implícito que calquera traballador fixo poida optar a eles.

Xunto con isto denunciaron tamén, o incumprimento da normativa no que se refire á avaliación cada 4 anos de todas as xefaturas e cargos. “É dicir, unha vez acadados, sexa por convocatoria pública ou a dedo, os cargos perpetúanse por anos ou para toda a vida, sen que haxa ningún tipo de avaliación do seu labor”. Marcote tamén sinalou que, “non dabondo contenta con estas irregularidades, a nova Dirección nomea, para un posto de coordinación, un traballador sen praza en propiedade na categoría que vai coordinar”.

Solicitude de convocatoria

Segundo lembraron, a CIG-Saúde de Compostela solicitou en múltiplas ocasións, tal e como consta en diversas actas e denuncias , a cobertura e avaliación das xefaturas. E mesmo desde que están en posesión das probas que confirman a existencia de sobresoldos para os cargos, dirixiuse en diversas ocasións á Xerencia para denunciar esta situación e exixir unha solución.

Porén, a Xerencia non actuou "conforme á normativa e aos principios de responsabilidade, obxectividade e transparencia ao non informar, explicar e xustificar estas situacións, e de aí que, ao non obtermos resposta da Dirección de Recursos Humanos, á nosa solicitude para que realizasn as oportunas pescudas encamiñadas a comprobar estas irregularidades e a facilitarnos a contía nin o concepto polo que se aboan, elevamos a denuncia ao SERGAS”.

Retribucións xustas atendendo á responsabilidade

A CIG-Saúde de Compostela reclama, polo tanto, que todos eses postos saian a concurso público para que poidan concorrer a eles todo o persoal que así o considere, atendendo aos criterios de capacidade, mérito e igualdade que deben rexer nunha empresa pública.

Porén, tamén demanda que se retribúa cada cargo en función da súas responsabilidades. Neste sentido, Xosé Manuel Marcote sinala que “se ben no SERGAS as retribucións por cargos son tan ridículas que non compensan en moitos casos o esforzo que require o posto, o que non se pode é pagar por detrás con horas extras que non existen ou en conceptos de xefaturas que non se teñen”.

Modalidades de sobresoldo

Pola información que ten a CIG-Saúde de Compostela, hai dúas formas de compensar economicamente as xefaturas ou postos de coordinación: unha na que se lle pagan  horas extra, que non se fan. Nesta modalidade de cobro están as xefaturas de persoal subalterno e de mantemento “porque a compensación legal por esta responsabilidade anda polos 50€ ao mes e ninguén querería asumir unha xefatura, coas responsabilidades que implica por esa mísera cantidade, máxime cando estamos falando de soldos de 1.000 euros, que van sufrir unha perda en conceptos de quendas festivos, noites... duns 200. Estes traballadores/as perderían uns 150 euros/mes ao accederen ao cargo”.

A outra modalidade que emprega esta Xerencia, para compensar certos postos de responsabilidade, é pagando en nómina complementos a maiores, e que nalgún caso case chegan a ser da mesma contía có salario. “Complementos que non teñen nada que ver coas xefaturas. Non son outra cousa ca gratificacións por facer un traballo, que pola praza que posúen por oposición non terían que realizar, pero para os que por titulacións, en moitos dos casos, estarían cualificados”. Xosé Manuel Marcote salienta que “se ben o formato: designación de cargos a dedo e sobresoldos para obter man de obra sobrecualificada pero barata, é moito máis apetecíbel para esta Xerencia e por extensión para o SERGAS, é agora cando estamos en disposición para iniciar un percorrido con esta denuncia, coa finalidade de acabar con estas prácticas, para nós, cun cariz manifestamente mafioso”.

Por iso, desde a CIG-Saúde demándase que se melloren, de forma legal, as condicións e que, en calquera caso, se convoquen as xefaturas para que calquera traballadore/a poida acceder a estas.