CIG-Saúde Compostela denuncia o deterioro do Servizo de Radioloxía do Hospital Clínico

Solicitan un sistema de auditoría e o informe das xestións e aproveitamento dos Orzamentos destinados á Xerencia

A Coruña -

CIG-Saúde ven de denunciar ante a Dirección de Recursos Humanos do SERGAS, a Subdirección Xeral de Planificación Sanitaria e Aseguramento e o Valedor do Pobo, a merma na calidade dos servizos sanitarios dispensados polo Servizo de Radioloxía do Hospital Clínico.

Este deterioro dáse, apuntan, porque as persoas responsábeis do mesmo “non xestionan as coberturas das xubilacións, IT, etc., con contratos continuos e estábeis, é dicir, con interinidades e contratos nominais”. Isto supón, entre outras consecuencias, unha carencia na formación destes traballadores e traballadoras, “que os limita para garantiren a seguridade e calidade das prestacións sanitarias dispensadas, de xeito que eviten ao mesmo tempo riscos innecesarios aos/ás usuarios/as e/ou se reduzan, ao mínimo, os inevitábeis”.

O Servizo de Radiodiagnóstico é un servizo básico e polo tanto clave para o funcionamento do resto de servizos. Mais a CIG-Saúde considera que nestes últimos anos vive inmerso nun “caos absoluto” derivado dunha carga asistencial extrema, “onde non importa a calidade, senón a cantidade”.

Denuncian tamén que non se valora nin a experiencia, nin a especialización, nin o esforzo dos/as profesionais, “que se senten ninguneados e maltratados, chegando os seus responsábeis ó extremo de ‘convidaren’ o persoal da listaxe de contratacións, a rexeitar contratos se descoñecen o funcionamento dun determinado equipo. Así no canto de formalos, ameázanos con sancionalos”.

Por todo isto, dende CIG-Saúde solicítase:

1. - Que a autoridade competente estabeleza un sistema de auditoría que permita determinar se o programa de garantía de calidade se adecúa aos obxectivos previstos para cumprir coas disposicións regulamentarias que lle sexan de aplicación, e coñecer se está implantada de forma efectiva, a efectos desta certificación. E dicir:

-Descrición dos recursos humanos e materiais necesarios para realizar os procedementos.

-Responsabilidades e obrigacións das persoas que traballan na unidade ou con equiposadscritos á mesma, especificando o seu nivel de responsabilidade e autoridade.

-Programas de formación para a utilización dos distintos equipos, de protección radiolóxica, de formación continuada e para o caso especial, do uso clínico de novas técnicas, ...

2.- Informe das xestións, repercusións e aproveitamento dos Orzamentos da Xunta de Galiza de 2015 para esta Xerencia, xa que ditos orzamentos recollían que, o "obxectivo do SERGAS era xestionar os recursos de forma rigorosa e eficiente”, e a súa pretensión era:

-Reforzar os actuais servizos de radioloxía.

-Mellorar a calidade para doentes e profesionais: formación de radiólogos e técnicos especialistas en radiodiagnóstico.

Volver