CIG-Saúde apoia o documento de carreira profesional pactado na mesa sectorial do Sergas

As medidas que recolle son “froito do traballo sindical” da federación e das/os traballadoras/es

Nacional -

Despois de 8 meses de negociación na mesa sectorial, mobilizacións e folga, a CIG-Saúde conseguiu superar as limitacións que había na negociación da carreira, condicionada pola acta asinada polo resto das organizacións sindicais de mesa sectorial, que non incluía ao persoal interino na carreira, condicionaba o valor económico do complemento de carreira ás dispoñibilidades orzamentarias e limitaba o acceso excepcional a un só grao retribuído.

A CIG-Saúde soportou a intención dalgunha Organización Sindical, que pretendía que a administración a deixara fóra desta negociación e que só negociase coas/os asinantes da acta. Tamén houbo de soportar unha campaña baseada en argumentos absurdos e claramente demagóxicos que xa forman parte da campaña electoral para as eleccións sindicais do 2019, sen que puidera observar a mesma combatividade na negociación da Carreira na Mesa Sectorial.

Verdadeira negociación da carreira

O logro das medidas que se recollen neste acordo é froito do traballo sindical da CIG-SAÚDE e das/os traballadoras/es. O persoal, coa información que as/os delegadas/os lle facían chegar, apoiaron as mobilizacións, que en solitario convocaba a CIG-SAÚDE, para que se producira unha verdadeira negociación de carreira.

Estes son os motivos polos que a CIG-SAÚDE decidiu asinar este documento de Carreira Profesional:

1.- Por contar co apoio das/os trabalaldoras/es que formaron parte desta negociación coa súa participación nas mobilizacións convocadas pola CIG-SAÚDE.

2.- Por conseguir negociar un único documento de carreira profesional para todas as categorías, a diferencia do réxime extraordinario, que se cobrou con anos de diferencia segundo as categorías.

3.-Por ter superado as limitacións iniciais na negociación, que foran aceptadas nunha acta asinada polo resto de organizacións sindicais da Mesa Sectorial:

·Porque a carreira ordinaria inclúe ao persoal interino que quedaba fóra.

·Porque o valor retributivo  do grao  desta carreira é o mesmo valor que o do réxime extraordinario.

·Porque o persoal vai acceder a 2 graos de carreira de xeito excepcional.

4.- Porque se establece un sistema de carreira ordinaria sen cupos, todo o persoal poderá acceder a carreira.

5.- Porque o SERGAS con este acordo restitúe un dos acordos suspendidos desde o ano 2010.

 

 

 “CIG-Saúde recoñece que esta carreira asinada non recolle o 100% das súas reivindicacións, pero cando negociamos sabemos que é moi difícil chegar ao 100%, e pensamos que este documento asinado é un paso positivo para o conxunto das traballadoras e traballadores e para o desenvolvemento da sanidade pública do futuro”, explica a secretaria nacional, María Xosé Abuín.

Agora todas as organizacións apuntaranse a isto, “mais agardamos que reflexionen sobre a acta que asinaron, que dificultou esta negociación”, matiza.

O esforzo negociador da CIG-Saúde conseguíu que o SERGAS incremente a Masa Salarial destinada á Carreira Profesional en máis do dobre do previsto inicialmente.

Este recoñecemento ao persoal é imprescindible para poñer en valor o esforzo dos/as traballadoras ao longo destes últimos 8 anos, tanto no ámbito económico como no laboral.

Cadro do valor do grao:

 

 Categoria  profesional

 Valor Grao  €/ano

 Licenciado/a Sanitario

2937,84 €

Diplomada/o Sanitario

1836,24 €

A1  xestión e servizos

2364,96 €

A2 xestión e servizos

1655,04 €

C1 xestión e servizos, sanitario de F.P

1067,40 €

C2 xestión e servizos, sanitario de F.P

905,88 €

E Agrupacións Profesionais

732,12 €

 

Volver