CIG-Saúde anima o persoal do Sergas a reclamar a totalidade do permiso por coidado de familiar

Lembra que unha sentenza do TSXG declara ilegal as limitacións impostas pola Administración

Nacional -

A CIG-Saúde fai un chamamento a todo o persoal do Sergas para que presente reclamación se a administración lle denega a totalidade do días aos que ten dereito por coidado dun/ha familiar. A Federación lembra que o TSXG declarou a ilegalidade e, en consecuencia, a nulidade da limitación estabelecida na instrución do Sergas a respecto deste dereito.

O Estatuto Básico da/o Empregada/o Pública/o recolle o dereito que ten a traballadora/or a gozar dun permiso retribuído por coidado de familiar en situación de enfermidade ou hospitalización. Porén, o Sergas segundo o criterio que estabeleza, concede ao seu persoal a totalidade dos días, ou un goce parcial deste dereito.

Para atallar esta irregularidade, e reclamar de vez o respecto á concesión deste dereito, "que non é potestativo da administración", unha afiliada de CIG-Saúde, a través da asesoría xurídica da central sindical, interpuxo unha demanda por unha cuestión de ilegalidade, "para que o xulgado lle recoñecese o dereito que o Sergas lle negaba", explican.

O proceso rematou no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que estimou a cuestión de ilegalidade formulada polo Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 3 da Coruña, e en consecuencia, "declárase a ilegalidade e conseguinte nulidade da limitación do estabelecido na instrución do Sergas”.

Non obstante a resolución xudicial, o Servizo Galego de Saúde, "no seu empeño de limitar o dereito ao permiso por coidado de familiar, recorre a sentenza. Porén o xuíz ditou un auto firme, polo que non cabe interpoñer recurso algún", afirman dende CIG-Saúde.

Desde a Federación da CIG lamentan que, "unha vez máis sexan os xulgados quen obriguen ao Sergas a respectar os dereitos das/os traballadoras/es recollidos na lexislación laboral". Ao tempo que animan a todo o persoal a reclamar "cando o Sergas lle denega a totalidade do días aos que ten dereito por coidado dun familiar".

Volver