CIG-Saúde acusa a Sanidade de deteriorar a calidade da codificación sanitaria coa privatización do servizo
A CIG-Saúde vén de remitir un escrito á Dirección Xeral de Recursos Humanos do SERGAS para denunciar a grave situación que se está a producir nas unidades de codificación das distintas Xerencias, onde novamente se está a recorrer á contratación de empresas externas para realizar funcións propias das técnicas e dos técnicos en Documentación Sanitaria.
No escrito remitido ao SERGAS, a organización sindical solicita a dotación inmediata de todas as unidades de codificación con persoal propio, a creación de contratos estables e estruturais e o fin da externalización destas funcións, apostando polo reforzo dos servizos públicos fronte á privatización.
Segundo denuncia a central sindical, esta situación está a darse actualmente en todas as Xerencias do SERGAS no marco da codificación vinculada ao ensaio clínico SINCIGAL, repetindo un modelo que xa se puxo en marcha o ano pasado e cuxas consecuencias negativas eran perfectamente coñecidas pola Administración.
Externalización e privatización
Para CIG-Saúde resulta “absolutamente inaceptable” que a Consellería continúe apostando pola externalización e privatización dun servizo esencial, en lugar de reforzar as unidades públicas con persoal propio e estable.
O sindicato advirte de que a utilización de empresas externas está provocando unha perda de calidade na codificación clínica, detectándose erros na aplicación da normativa, falta de coordinación cos servizos e descoñecemento dos criterios de traballo establecidos polas propias unidades de codificación das áreas sanitarias.
“A Consellería de Sanidade está a deteriorar deliberadamente os recursos propios do sistema sanitario público mentres entrega cartos públicos a empresas privadas para facer un traballo que poden desenvolver perfectamente as profesionais e os profesionais do SERGAS”, denuncian desde a organización sindical.
CIG-Saúde considera especialmente grave que esta situación se produza cando existe unha bolsa importante de técnicas e técnicos en Documentación Sanitaria en situación de desemprego, profesionais plenamente formadas e formados para asumir estas funcións con garantías de calidade e coñecemento do sistema sanitario público.
Desde o sindicato critican que, lonxe de crear emprego estable e reforzar os servizos públicos, a Administración siga favorecendo a precariedade e a privatización dun ámbito fundamental para a calidade da información sanitaria e da asistencia.
Así mesmo, esixen á Consellería que deixe de ignorar ás profesionais e aos profesionais das unidades, que levan tempo advertindo dunha situación que era perfectamente evitable cunha mínima planificación.
“Non hai falta de profesionais. O que hai é unha decisión política consciente de privatizar servizos públicos e precarizar o emprego no SERGAS”, conclúe CIG-Saúde.