CIG-Saúde A Mariña denuncia a falta de cobertura de persoal médico no centro de saúde de Viveiro

“Fronte ás mentiras do PPdeG a única realidade é que temos menos e peores servizos sanitarios”, advirten

Viveiro -

A sanidade pública da comarca da Mariña “continúa en estado de auténtica emerxencia” a consecuencia das políticas do PP sendo a atención primaria “unha das principais damnificadas”, denuncia a CIG Saúde A Mariña.

“Actualmente, explican, na quenda de mañá do centro de saúde de Viveiro (formada por 7 efectivos) un dos médicos de familia atópase de vacacións até o 1 de agosto, outro xubilouse e outra médica tivo un nomeamento político, pero o SERGAS non os substitúe, agás de xeito esporádico e aleatorio, cun só médico para cubrir tres ausencias”.

Dende a Federación de Saúde resaltan tamén que na semana do 2 ao 8 de xullo de 7 médicos e médicas de familia na quenda de mañá, só quedaron 4 ao non cubrir o SERGAS ningún día as 3 ausencias actuais.

Masificación das consultas

Para o sindicato nacionalista, as consecuencias de que non se cubran as ausencias no centro de saúde de Viveiro son moitas e, entre outras, destacan a masificación das consultas, os cupos profesionais por enriba do establecido legalmente e a redución de profesionais. Todas elas, aseguran, polas “decisións que levan á deterioración estrutural da atención primaria na comarca”.

Unha destas decisións é a de non substituír o persoal cando está de vacacións, por xubilación ou por outros motivos, o que está a ter como consecuencia “a redución de servizos e unha sobrecarga asistencial brutal nunha vila que ve aumentada a poboación durante o estival polo turismo”, advirten.

Dende CIG-Saúde A Mariña esixen a cobertura de todas as ausencias e consideran que "é básico rescatar a sanidade pública galega e dignificar a Atención Primaria para garantir un servizo básico de calidade e proximidade fronte os gobernos do PP que pretenden convertela nun privilexio".

Volver