CIG recomenda o persoal de Grupo Norte acatar a orde de mínimos do SERGAS pola inseguridade xurídica xerada

Denuncia a incompetencia da consellaría por emitir unha orde, non un decreto, 45 minutos antes do paro

Nacional -

A CIG vén de recomendar ao persoal da central de chamadas do 061, concesionada a Grupo Norte, que acate a Orde de servizos mínimos emitida pola consellaría de Sanidade por mor da inseguridade xurídica na que quedan as traballadoras e traballadores. Considera que remitir esa orde –e non un decreto, como sería preceptivo- a tan só 45 minutos de se iniciar o primeiro dos paros constata a súa incompetencia e denuncia que se obriga ao persoal a manter o 100% das presenzas habituais como servizos mínimos, impedindo mesmo a presentación de alegacións. Diante desta situación a central sindical xa anunciou que presentará unha denuncia por vulneración de dereito á folga.

Segundo explica o representante da CIG, Renato Núñez, tampouco Grupo Norte presentou, até escasos minutos antes de se iniciar a primeira quenda de folga, o listado de presenzas no que se recolle que traballadores/as teñen que estar no seu posto. Un listado que, en todo caso, só di que teñen que “estar todos”.

Grupo Norte alega que non soubo nada desta convocatoria até o día 8, cando esta foi presentada coa preceptiva antelación legal. De feito, a consellaría de Sanidade, na orde emitida si recolle que foi o luns día 3 de setembro, cando recibiu a comunicación de folga para os días 10, 15, 17 e 22 de setembro, de 12:00 a 14:00 horas e de 19:00 a 21:00 horas.

A CIG xa denunciou esta fin de semana a irregularidade que supuña carecer de decreto de servizos mínimos a 24 horas do inicio dos paros e o propio persoal, para garantir a cobertura dun servizo público esencial como este, acordara, por responsabilidade, organizarse para manter unha presenza, durante os paros, do 60% do persoal.

Persoal estatutario

Entre mentres, continúa a folga e as mobilizacións do persoal estatutario do 061, en demanda de “condicións dignas e xustas para a xente que se ve afectada por un traslado forzoso á Estrada e obrigada a trasladar o seu posto de traballo a máis de 30 quilómetros”.

Volver