A CIG valora positivamente o anuncio realizado pola multinacional SAIC a respecto da creación dun complexo industrial destinado á fabricación de automóbiles e dun centro industrial e loxístico complementario en Ferrol e As Pontes. Considera este proxecto unha oportunidade e unha necesidade para estas comarcas “que teñen sido castigadas pola desindustrialización derivada da falta de plans alternativos por parte da Xunta de Galiza e do Estado”.
Non obstante, a CIG-Industria tamén amosa a súa prudencia tendo en conta que nos últimos anos a comarca “xa viviu máis anuncios e promesas que non frutificaron e que xogaron coas ilusións dunha zona que ten sido obxectivo de intensas campañas de propagada e que acumula as maiores taxas de perda de emprego”.
Como exemplo basta lembrar toda a propaganda do Goberno galego arredor dos supostos encargos de PEMEX, ou os múltiples proxectos presentados para as Pontes que nunca se materializaron. Por iso, para a CIG-Industria o fundamental “é conseguir que estes anuncios se convertan en postos de traballo reais que dinamicen a comarca”.
Galiza precisa dun plan industrial propio
A este respecto, a central advirte sobre os profundos cambios que vive a automoción en Europa, malia o cal a Xunta de Galiza continúa sen impulsar un plan industrial propio para o automóbil. Subliña que a transición cara ao vehículo eléctrico e a descarbonización da economía representan unha oportunidade, pero tamén un enorme risco para miles de postos de traballo vinculados á industria tradicional da automoción.
“O persoal das empresas auxiliares miran con preocupación a falta de proxectos de adaptación ao novo modelo industrial, pois de nada servirá a creación dun novo proxecto se ao mesmo tempo se perde a industria que xa está instalada”, sinala a CIG- Industria. Por iso insiste en que Galiza precisa unha estratexia industrial propia que garanta a transformación do sector “e garanta máis emprego e de mellor calidade, non unha substitución”.
A central agarda ademais que o novo modelo industrial non herde as fórmulas de precarización laboral do modelo Stellantis (uso abusivo das ETT, da contratación fixa-descontinua, elevadas taxas de parcialidade ou deterioración das condicións de traballo) e que contribúan a unha transformación do sector que protexa o emprego de calidade e facilite unha transición equilibrada. “Non podemos permitir que a chamada transición xusta remate sendo xusta para as multinacionais e inxusta para as persoas traballadoras”, asevera.
Emprego estábel, dereitos e participación das auxiliares galegas
Para a CIG-Industria, o desenvolvemento industrial que precisa Ferrolterra e As Pontes debe asentarse sobre emprego estábel, con dereitos, salarios dignos, negociación colectiva forte e condicións laborais que permitan fixar poboación e construír un futuro para a clase traballadora da comarca.
A CIG defenderá que calquera implantación industrial na comarca deba levar aparellada a creación de emprego digno, participación da industria auxiliar galega, retorno social para o territorio e garantías de futuro para as persoas traballadoras.
“Agardamos que esta vez sexa diferente e que, por fin, a comarca vexa cumpridas as expectativas que tantas veces lle foron anunciadas e tantas veces lle foron negadas. Ferrolterra e As Pontes precisan realidades, non máis promesas”, conclúe a CIG-Industria.