A CIG considera preocupante a iniciativa do TS sobre o proceso de regularización e critica a improvisación do Estado

A central estará atenta a evolución do proceso e non descarta facer un chamamento aos colectivos implicados para dar unha resposta apropiada
Nacional - 01 Xul 2026

A CIG quere manifestar publicamente a súa preocupación pola evolución do proceso de regularización administrativa extraordinaria de persoas migrantes, unha medida que a central sindical considera necesaria e de xustiza social, pero cuxa xestión por parte do Goberno do Estado está a xerar unha situación de incerteza inaceptábel para centos de miles de persoas.

Ás problemáticas xurdidas durante a tramitación e á negativa do Estado a ampliar o prazo inicial, engádese agora a ameaza xerada polo Tribunal Supremo ao formular a posibilidade de presentar unha cuestión prexudicial ante o TXUE que podería supor a paralización do proceso. Neste contexto, salienta o responsábel de Migración, Renato Núñez, a CIG seguirá con atención a evolución dos feitos "e non descarta facer un chamamento a todos os colectivos implicados de cara a dar unha resposta conxunta e unitaria no caso de producirse a paralización cautelar desta necesaria e xusta regularización administrativa".

Cómpre ampliar o prazo de solicitude

Lembra que o Real Decreto que dá pé a esta regularización non se publicou no Boletín Oficial do Estado até o 15 de abril, e o prazo de solicitudes non se abriu até o día seguinte, 16 de abril. A CIG denunciou xa nese momento a demora na publicación das condicións definitivas da norma, "ao considerar inaceptábel que as persoas migrantes e as entidades que as acompañan tivesen que traballar con información fragmentaria e provisional a escasos días do inicio do prazo". Ese atraso inicial reduciu de partida a marxe real coa que contaban as persoas solicitantes e as entidades sociais para preparar a documentación esixida.

O prazo de presentación de solicitudes pechouse onte, 30 de xuño, despois de dous meses e medio de tramitación. Nos días previos ao peche, medrou a presión para amplialo: o movemento Regularización Ya levou ao Congreso unha proposición non de lei, o 10 de xuño, coa que reclamaba máis tempo, apoiada por Podemos, Sumar, EH Bildu, ERC e o BNG. O Executivo, con todo, optou por manter a data do 30 de xuño sen conceder ningunha ampliación, presentando o proceso como un éxito de participación malia as dificultades constatadas sobre o terreo.

Para a CIG, sinala Núñez, esta rixidez, mantida a pesar do respaldo social e parlamentario á prórroga, "é unha decisión que penaliza precisamente a quen máis dificultades ten para completar a súa documentación; sobre todo ante a acumulación de expediente e a escaseza de medios".

O proceso superou os cálculos iniciais do Goberno pero faltan medios

A magnitude do proceso superou con moito os cálculos iniciais do Goberno, que manexaba unha previsión duns 500.000 a 750.000 persoas beneficiarias. As solicitudes rexistradas xa superan 1,2 millóns, unha cifra que, de confirmarse na súa totalidade, superaría amplamente o récord da maior regularización extraordinaria realizada no Estado dende 1986 —a de 2005, con 576.506 persoas beneficiadas— e podería mesmo situarse por riba do conxunto das seis regularizacións extraordinarias levadas a cabo dende entón.

A toda esas incidencias súmanse as denuncias, dende o inicio do proceso, sobre a escaseza de persoal nas oficinas de Estranxeiría e a existencia de fallos informáticos que dificultaron a tramitación en boa parte do Estado. Segundo datos achegados pola Comisión Española de Axuda ao Refuxiado (CEAR), a 15 días do peche do prazo apenas un 30% dos expedientes presentados fora admitido a trámite, é dicir, que arredor do 70% permanecía pendente de resolución.

O responsábel de Migración alerta que esta situación alimenta o temor de que moitas persoas queden fóra do proceso non por incumprir os requisitos, "senón pola simple imposibilidade material da Administración de xestionar en tempo e forma o volume de expedientes recibidos".

A actuación do TS xera máis incertezas

A incerteza sobre o futuro da medida non remata coa xestión administrativa. O Tribunal Supremo, a raíz dos recursos presentados por Aragón e a Comunidade Valenciana contra o Real Decreto, deu un prazo de cinco días ás partes para pronunciarse sobre a conveniencia de elevar unha cuestión prexudicial ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea, co obxecto de determinar se unha regularización desta escala podería colidir coas directrices comunitarias en materia de migración, en particular co Pacto Europeo de Migración e Asilo e coa Directiva de Retorno.

"Aínda que se trata dun paso previo e non dunha decisión definitiva, esta ameaza xudicial engade unha nova capa de inseguridade xurídica sobre centos de miles de persoas que xa presentaron a súa solicitude e están paralizados por falta de medios", explica.

A combinación destes factores —un inicio tardío, unha prórroga solicitada por sindicatos, entidades sociais e varias forzas políticas pero finalmente negada, unhas cifras que superan amplamente as previsións iniciais, a falta de persoal denunciada reiteradamente e a ameaza dunha consulta xudicial á Unión Europea— debuxa un escenario de incerteza que ensombrece unha medida que, en si propia, respondía a unha necesidade real e compartida pola CIG.

"A regularización extraordinaria nace cun respaldo social amplo, pero a súa xestión corre o risco de converterse no seu principal punto débil se o Goberno non reforza con urxencia os medios humanos e técnicos e non ofrece garantías claras sobre os prazos de resolución dos expedientes xa presentados", conclúe Renato Núñez.