A CIG-Navantia reclamaralle á SEPI uns "eixos mínimos" no plan industrial

Comunicado das seccións sindicais de Fene e Ferrol

Ferrol -

Diante das declaracións da Presidenta da SEPI e ás valoracións das distintas federacións dos sindicatos españois a respecto da apertura"inminente" dunha mesa de negociación sobre o futuro plan industrial para a empresa naval, as Seccións Sindicais da CIG en Navantia Fene-Ferrol, queren facer as seguintes consideracións:

1. Entenden como unha falta de respecto a reunión que as federacións de CCOO e UGT mantiveron en Madrid coa Presidenta da SEPI, "de costas a todos os traballadores e traballadoras" e días despois de que os comités de empresa se mobilizaran nas portas da Sociedade Estatal, sendo recibidos "con malas maneiras pola policía".

É prioritario que a SEPI e Navantia dean cumprimento na súa integridade ao III Convenio

 2. As conclusións sacadas de dita reunión non achegan ningunha novidade ao que previamente se sabía. A Presidenta da SEPI anunciou o 24 de febreiro que se está a elaborar un plan industrial para Navantia e que en canto estea rematado será presentado ás diferentes organizacións sindicais. Na recente reunión vén redundar na mesma idea.

3. Desde as Seccións Sindicais da CIG en Navantia consideran prioritario que a SEPI e Navantia dean cumprimento na súa integridade ao III convenio Colectivo, abonando os conceptos pendentes e restituíndo todas as condicións que se viron alteradas nos últimos anos.

4. Previamente á negociación dun plan industrial e despois do cumprimento na súa integridade do III Convenio Colectivo, as Seccións Sindicais da CIG consideran imprescindíbel a negociación dun novo convenio colectivo no que se restitúa todo o poder adquisitivo que os traballadores e traballadoras viron diminuído nestes anos de parálise. Cómpre recobrar tamén todas as prazas de promoción interna paralizadas no ano 2009.

Investimentos, carga de traballo e industria auxiliar

5. A representación da CIG agarda a anunciada reunión da Presidenta da SEPI cos comités de Navantia na Ría de Ferrol, previa á presentación do Plan Industrial. Nesa reunión, a CIG esixirá os eixos mínimos sobre os que debería pilotar o citado Plan Industrial, que pasan por:

a ) garantir os investimentos necesarios para a modernización das instalacións na Ría de Ferrol, nomeadamente a realización do proxecto dun novo dique para as novas construcións. Reparacións, coa construción dun dique que sirva para abordar o futuro con garantías e adaptándose as dimensión dos novos navíos. Potenciación de Turbinas con inversión i+d+i que permitan ter un produto propio, principal hándicap para o seu desenvolvemento. Produtos OFF-SHORE, eólica mariña, bens de equipo e resto de enerxías renovábeis.

b) dotar de carga de traballo os estaleiros da Ría de Ferrol , facendo efectiva a fin do veto á construción naval en Fene.

c) estabelecer un plan de xubilación anticipada, sostido no tempo, coa conseguinte incorporación de xente moza para garantir a continuidade e o rexuvenecemento nas diferentes áreas.

d) contratación directa e nas mesmas condicións económicas do persoal necesario para cubrir eventuais picos de carga de traballo, do mesmo xeito que se está a facer noutras empresas da SEPI.

e) análise e definición, coa participación da representación dos/as traballadores/as, das áreas CORE (nucleares) para poder determinar os criterios de subcontratación e compromiso por parte de Navantia na vixilancia das condicións sociolaborais da industria auxiliar, condición indispensábel para poder acceder á contratación.

f) industria auxiliar, como complementaria para Navantia e non como mecanismo de abaratamento dos custes. Estabelecendo un marco regulador homoxéneo que iguale as súas condicións sociolaborais. Impulsar un plan a nivel legal de coeficientes redutores para a xubilación na industria auxiliar.

Volver