CIG-Industria pide a tramitación inmediata de iniciativas que se traduzan na dotación de carga de traballo para o naval

Tras a rolda de entrevistas cos grupos parlamentares nas que expuxeron a situación real das instalacións de Navantia na ría de Ferrol e as propostas da central sindical
A Coruña - 10 Feb 2016
Logo da rolda de encontros institucionais cos grupos parlamentares e coa Consellaría de Industria, a CIG pide agora urxencia na tramitación de iniciativas e a configuración dunha fronte común que se traduzan na dotación de carga de traballo para os estaleiros públicos da ría de Ferrol e a defensa plena da súas capacidades produtivas. A CIG-Industria reitera que a situación crítica que viven as instalacións de Navantia Fene e Ferrol non admite demora nin actitude dubitativas.

O Secretario Nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas Aboi “Tupi” lembrou en rolda de prensa esta mañá, que a central sindical está a desenvolver unha campaña na busca do compromiso de todas as institucións na demanda de carga de traballo para os estaleiros da ría de Ferrol e da adopción das medidas necesarias para garantir o seu futuro.

Deste xeito, mantivéronse encontros con representantes de todos os grupos parlamentares, que compartiron “practicamente o 100% do exposto pola CIG. Incluso o Partido Popular recoñeceu a compatibilidade da construción eólica e da naval civil en Fene, que até agora negaban”, apunta.

Informouse tamén aos/ás representantes políticos sobre a situación real da carga de traballo nos dous estaleiros públicos, que Bouzas define como “crítica” e entregouse un documento que  sintetiza as demandas da central sindical para o sector. “Cando se entregue o flotel, a construción naval civil practicamente desaparecerá da ría. Queda o BAM, pero as obras están demoradas e ten un período de construción amplísimo -até 2019-”.

En canto aos catro petroleiros que Navantia constrúe, subliñou que a práctica totalidade destas obras faranse nos estaleiros do Sur e que as quillas destinadas a Ferrol xa están postas. Fronte a esta exigua carga de traballo, o Secretario Nacional da CIG-Industria insistiu na necesidade de que dous deses buques sexan levantados integramente na nosa ría. “Isto xeraría máis de 1.000 empregos inmediatos e significaría o levantamento efectivo do veto á antiga Astano”.

Neste senso, Bouzas Aboi apuntou que na rolda de entrevistas todos os grupos recoñeceron que o reparto da carga de traballo entre os distintos centros de Navantia é unha decisión empresarial, mais sobre todo política. Por iso urxiu ao goberno español a ordenar a asignación de dous destes buques á ría de Ferrol posto que “para outras cuestións ben que defende Mariano Rajoy a validez das decisións do seu goberno en funcións”.

O secretario nacional de CIG-Industria reiterou tamén a necesidade de que se retome a construción do dique, que tanto defendeu a Xunta hai uns anos e para a que mesmo tiña reservado un ínfimo orzamento, mais que hoxe semella ser un proxecto esquecido.

Tras expor a CIG-Industria as súas propostas aos grupos parlamentarios e coincidir estas coas mesmas, “agora teñen que darlle para adiante. Agardamos a presentación inmediata de iniciativas e que se faga unha fronte común na defensa do naval, de modo que se materialice tanto na carga de traballo como en plans de futuro para o sector”, aseverou.

Críticas ao conselleiro de Industria

Durante a comparecencia para os medios, Bouzas Aboi criticou a actitude do conselleiro de Industria, Francisco Conde, que desatendeu a solicitude de reunión cursada pola CIG e derivou o encontro á Secretaría Xeral de Emprego, Covadonga Toca. Afeoulle tamén a Conde que se reunira coa patronal do sector naval, “pero coa CIG non se queira reunir”.

Nesta liña, censurou que dende o PP se venda a nivel electoral que Navantia ten carga de traballo “cando non a ten”. E neste sentido matizou que, mesmo existindo contratos, dende a súa sinatura até a execución efectiva dos traballos poden transcorrer anos. “E mentres tanto que vai facer o naval da ría de Ferrol, que a partir do verán queda sen ocupación”, inquiriu.

Preocupación polo Plan de axuste

No marco da rolda de encontros, a CIG ten solicitada xuntanza coa SEPI que, do mesmo xeito que o conselleiro, “danos largas e derívanos ao Presidente de Navantia”. Á espera de que se materialice esa entrevista, Bouzas Aboi manifestou unha vez máis a preocupación a respecto de que o Plan de axuste anunciado para Navantia se traduza, en realidade, nunha redución da capacidade produtiva das instalacións e en recortes nos cadros de persoal.

No referido á redución da capacidade produtiva afirmou que “non pode haber peches, externalización ou privatización das instalacións”. Canto ao anunciado “rexuvenecemento” dos cadros de persoal advertiu que non pode limitarse a ir desfacéndose dos traballadores máis antigos, de máis de 60 anos, para logo recorrer a persoal de empresas auxiliares.

Bouzas advertiu tamén da posibilidade de que se pretenda converter a Navantia nunha empresa de síntese que se limite a deseñar proxectos de enxeñería, pero sen capacidade produtiva real, con pouca ou nula posibilidade para construír e sen persoal, o que a abocaría a externalizar a construción.