CIG-Industria esixiu ante a sede da patronal Asime que aclare a situación real do naval vigués

Insiste en negar os datos triunfalistas sobre a suposta recuperación do naval e solicita unha reunión á patronal
Vigo - 17 Out 2018

A CIG-Industria concentrouse esta mañá ante a sede da patronal Asime, en Vigo, para esixir que aclare a situación real do sector naval de Vigo tras difundir nos medios unha situación de puxanza e necesidade de man de obra que non coincide cos datos dos que dispón a central. Pide que “non se xogue” coas expectativas de emprego de milleiros de parados/as e solicita unha reunión para que expliquen “de onde saen esas cifras”.

César Rodríguez, responsábel do naval da CIG-Industria de Vigo, expresou aos asistentes á concentración que “non se pode falar de recuperación” nin “sementar falsas expectativas aos desempregados/as” cando “só hai dous estaleiros con carga de traballo asegurada”.

A recuperación real do sector, segundo o sindicalista, virá cando os estaleiros estean a pleno rendemento, existan “dúas ou tres unidades en cada estaleiro” e carga de traballo “para dous ou tres anos”. 

A recuperación real do sector virá cando os estaleiros estean a pleno rendemento e existan pedidos a varios anos vista

 En contraste, indicou que agás Freire ou Armón, os restantes contan con tan só unha unidade en construción e sen carteira de pedidos para o futuro. No caso de Metalships, anunciou a entrega do pedido actual para o mes vindeiro, mentres que Vulcano conta cun futuro incerto.

De feito, asegurou que só nestes seis últimos meses xa diminuíron de 2600 a 2000 os operarios/as cos que contaba o sector, que chegou a contar cun pico de 10.000 no período 2007-2010.

Neste sentido, e contradicindo a patronal, afirmou que non existe falta de profesionais, senón que unha parte importante marchou á emigración e non existen aínda as condicións de estabilidade e continuidade para o seu retorno.

Precariedade no naval

A CIG-Industria denuncia, asemade, que esta época de crise foi aproveitada pola patronal para precarizar o sector, até o punto de que na meirande parte de estaleiros non se está a cumprir o convenio.

O máis preocupante, segundo a federación, é que se está a relaxar o control en prevención e incorporando man de obra sen experiencia, algo que pode facer aumentar a sinistralidade laboral nun sector de risco.

Esta situación, indican, motivou un grande número de denuncias aínda irresoltas por Inspección de Traballo, á que acusan de que “non está velando polos dereitos e condicións de traballo”.

O negocio da formación

Pola súa parte, Xulio Fernández, secretario comarcal da CIG-Industria en Vigo, alertou de que esta campaña mediática podería agochar a tentativa da patronal de acceder a subvencións públicas para cursos de formación.

Durante a concentración, ambos sindicalistas realizaron a entrega dunha solicitude de reunión coa directiva de Asime para esclarecer a realidade do sector naval. “Se nos din os estaleiros onde hai oferta de traballo estamos dispostos a levarlles os currículos dos demandantes de emprego”, afirmaron.