CIG-Industria denuncia a parálise nas negociacións para a industria auxiliar

Considera que os argumentos dados para esta demora son artificiosos
Ferrol - 19 Xan 2018

A CIG-Industria de Ferrol denuncia a parálise nas negociacións das condicións laborais e salariais do persoal das auxiliares de Navantia, pois dende o pasado 15 de decembro a mesa do naval non se reúne. Unha demora que a central sindical considera se tenta xustificar con argumentos artificiosos, logo de que na última xuntanza a representación social trasladara o total rexeitamento á ruín proposta da patronal. "Parece que agora ninguén quere poñerlle o 'cascabel' ao gato", aseveran.

A xestión coa comisión paritaria do convenio non solucionará o auténtico problema do persoal da industria auxiliar"

A xustificación para esta demora, apunta a CIG-Industria, é o compromiso de CCOO e UGT de convocar a comisión paritaria do convenio para consultar as posibilidades de inclusión do texto presentado pola patronal no corpo do convenio provincial.  "É dicir para que se pronuncien sobre as posíbeis incompatibilidades entre a pretensión da patronal e o propio convenio, que xa regula algunhas das materias que as empresas do naval queren negociar de novo e á baixa".

Para a CIG-Industria resulta máis que evidente que esta xestión coa comisión paritaria do convenio non vai solucionar o auténtico problema do persoal da industria auxiliar de Navantia: a non recuperación dos acordos do 2001, e que a oferta económica da patronal quede na metade deses acordos.

A CIG-Industria de Ferrol entende que o empresariado e as centrais sindicais estatais puideron aproveitar a reunión do pasado día 19 de decembro na Coruña, precisamente para constituír todas esas comisións que pactaron no convenio.

Empresas que pagaban polas táboas deixaron de facelo

Polo camiño, advirten, o persoal das auxiliares segue a perder dereitos, xa que algunha das empresas que pagaba pola táboas de 2001 deixou de facelo de xeito unilateral "á espera do que se pacte na mesa". Para a Federación de Industria de Ferrol isto proba a intención dalgunhas empresas de aplicar os novos acordos que se pacten na mesa incluso ao persoal que hoxe cobra polas táboas, "por non falar xa do persoal eventual que se incorpore a esas empresas".

Nin as actitudes contemplativas nin as colaboracionistas coas empresas traerán a recuperación de salarios"

Esta demora inxustificada na negociación, a pretensión patronal de darlle ao sector naval unha regulación propia, a oferta económica mediocre, e as medidas unilaterais de baixada de salarios, so poderán resolverse satisfactoriamente para o persoal das auxiliares con unidade e mobilizacións. Neste senso, a CIG-Industria lembra que o que se está a negociar é un novo marco salarial para a industria auxiliar de Navantia, que afectará a todas as empresas e a todo o persoal "dun xeito ou doutro".

Por iso, subliñan que se as actitudes contemplativas non van traer recuperación de salarios, "moito menos as colaboracionistas coas empresas". Neste escenario cómpre unidade na defensa dos dereitos, mais tamén "determinación e forza".