CIG-Industria constitúe a Coordinadora do Sector Eólico en Galiza

Celebrou unha xornada monográfica para analizar a situación laboral e empresarial do sector
Nacional - 06 Abr 2017

Delegados e delegadas da CIG en VESTAS, GRI, EROM, GAMESA, GANOMAGOGA, GES-SIEMSA e INMEGA, participaron nunha xornada monográfica sobre o Sector Eólico no noso país na que se acordou a constitución dunha Coordinadora do Sector Eólico en Galiza, da que formará parte un representante de cada empresa e o Secretario de Enerxía da Federación de Industria da CIG.

A esta xornada, organizada pola CIG-Industria asistiron tamén compañeiros/as liberados/as que traballan sindicalmente neste sector, o Secretario de Enerxía da Federación de Industria, Fernando Branco  e o Secretario Nacional da Federación, Xoán Xosé Bouzas Aboi.  

Un dos aspectos analizados foi o mapa eólico da Galiza: parque eólico, sociedade promotora do mesmo, ubicación xeográfica, potencia instalada en MW, numero de aeroxeneradores, potencia unitaria, fabricantes dos aeroxenetradores de cada parque, marca e modelo dos mesmos,  tecnoloxía empregada, e as compañias xestoras, mantenedoras e as subcontratas de mantemento, empresas de fabricación do sector (palas, compoñentes eólicos, etc), empresas de deseño e fabricación de equipos, empresas desenvolvedoras de proxectos para este tipo de enerxía, fabricantes de aeroxeneradores e demais.

Negociación colectiva

Mais tamén se analizou todo o referido a negociación colectiva: convenios de aplicación, acordos de empresa, representatividade sindical no sector e a problemática existente en canto as condicións de traballo, entre outros.

Entre os obxectivos acordados, o secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas Aboi salientou:

  • Elaboración dunha proposta común para defender nos acordos de empresa que complementan os convenios de aplicación no sector.
  • Estudar as condicións dos desprazamentos, tanto en Galiza, no Estado e na UE e elaboración dun protocolo que dea cobertura legal aos desprazamentos fóra do ámbito da Unión Europea.
  • Revisión e elaboración de propostas sobre a situación dos riscos laborais, tanto en fábrica como nos diferentes traballos de mantemento nos parques.
  • Estudo dos pluses que afectan a toxicidade, penosidade e perigosidade.

A Coordinadora deste sector reunirase cada dous meses para facer un seguimento e posta en marcha destas medidas e comprobar a súa evolución e desenvolvemento. Ademais acordou realizar, no prazo dun ano, outra xornada do sector coa asistencia dos/das delegados/as das empresas para avaliar, de ser o caso, os avances nos traballos previstos e realización de novas propostas.