CIG-Industria Compostela denuncia que o Grupo Cortizo se enriquece a custo de explotar o seu persoal

Dende a central aseguran que obriga a facer horas de máis e incumpre descansos obrigatorios

Compostela -

A CIG-Industria de Compostela  vén denunciando desde hai meses as abusivas condicións laborais ás que o Grupo Cortizo somete os seus traballadores e traballadoras. Asegura que non só obriga a superar as horas de xornada de traballo senón que tamén incumpre os descansos obrigatorios, en fin de semana e festivos.

“Cortizo fai isto sen pagar nin as horas extra e mesmo os fai acudir ao seu posto de traballo para recuperar horas perdidas en caso de problemas cos materiais ou a maquinaria, chegando mesmo a restar cantidades dos salarios cando se produce un fallo na maquinaria derivado do seu uso constante”, denuncia o secretario comarcal Benedicto Blanco.

Blanco lembra que a xornada anual máxima no convenio do metal son 1.760 horas e que cando entre o final dunha xornada e o principio da seguinte deben pasar, como mínimo, 12 horas. Porén “mandan vir aos traballadores sen que se cumpra ese descanso o que ademais de repercutir na súa saúde pode comportar riscos laborais para eles mesmos e para os seus compañeiros e compañeiras”.

Xunto a isto sinala que o número de horas traballadas nunha xornada non pode ser superior a 9 e, no caso de estar de noite, non pode exceder de 8. “Todo o persoal sabe que hai moitos traballadores/as que teñen que quedar máis tempo excedendo a súa xornada, sen descansos nin para o bocadillo e sen ser remunerados por ese tempo extra, nin recompensados. O máis grave é que en non poucos casos isto é por causas alleas ao seu rendemento”.

O secretario comarcal de CIG-Industria asegura que tamén se aplica unha distribución irregular da xornada, con cambios frecuentes de quendas, sen ter en conta os preceptivos descansos e sen ser informados coa suficiente antelación, non podendo así planificar a súa vida a curto prazo e co agravante de que “as horas extras non son recompensadas ou son pagadas en negro moi por debaixo do seu valor”.

Fronte a esta situación Blanco asegura que o convenio establece que a distribución irregular da xornada hai que facela en períodos de tres meses; que o número de horas distribuídas irregularmente non poden pasar de 70 ao ano e que antes da distribución irregular da xornada, a empresa publicará un calendario con, como mínimo, quince días de antelación”.

Por iso denuncia que o Grupo Cortizo “é unha empresa á que lle gusta expor os seus logros e beneficios pero que esconde o trato vexatorio que ten coa maioría dos seus traballadores, ao privalos dos seus dereitos”.

Ademais responsabiliza a moitos encargados de ser “tan responsábeis ou máis” desta situación, “xa que buscan os favores da dirección sometendo aos traballadores/as e realizando coa xente todo tipo de abusos”.

Volver