CIG-Industria advirte os grupos parlamentares da "crítica" situación dos estaleiros de Fene e Ferrol

Todos, agás o PP, manifestan o seu apoio ao 100% das propostas da federación para garantir o futuro dos estaleiros da ría de Ferrol

Compostela -

Como xa fixera a semana pasada co BNG, a CIG-Industria reuniuse este mércores cos grupos parlamentares socialista, mixto e AGE para solicitar o seu apoio á demanda de carga de traballo e garantías de futuro para os estaleiros de Navantia de Fene e Ferrol. Todos, agás o PP –que aínda non respondeu á solicitude de entrevista- manifestaron o seu apoio ao 100% das propostas presentadas logo da CIG-Industria advertir que a situación é mesmo máis crítica que hai dous anos.

O secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas, explicou que con estas entrevistas preténdese denunciar a practicamente inexistente carga de traballo nos estaleiros de Navantia de Fene e Ferrol, que de seguir así, daría só para chegar até o verán, e para pedir o apoio dos grupos para darlle un impulso.

Neste sentido explicou que é imprescindíbel que a actual carga de traballo se reparta entre os distintos estaleiros e non só se derive para os estaleiros do Sur, onde se van construír catro petroleiros mentres que aos da ría de ferrol só se lle encargan partes deses barcos. “Queremos que aquí se constrúan barcos enteiros, para que se evidencie realmente que xa se levantou o veto á construción civil a Astano”.

Respecto do Plan de Axuste previsto manifestou a preocupación existente diante da posibilidade de que se traduza, en realidade, nunha redución da capacidade produtiva das instalacións e en recortes no cadro de persoal.

No referido á redución da capacidade produtiva afirmou que “non pode haber peches, externalización ou privatización das instalacións”. Canto ao anunciado “rexuvenecemento” dos cadros de persoal advertiu que non pode limitarse a ir desfacéndose dos traballadores máis antigos, de máis de 60 anos, para logo recorrer a persoal de empresas auxiliares.

Fronte a iso propuxo que se fagan contratos relevo que garantan que efectivamente entra xente nova a traballar. A isto engadiu que, sendo Navantia unha empresa pública, “pódense facer contratos por períodos de tempo na propia empresa e non con subcontratas. Isto posibilitaría revitalizar a comarca, creando máis postos de traballo e xerando beneficios”.

Bouzas advertiu tamén da posibilidade de que se pretenda converter a Navantia nunha empresa de síntese que se limite a deseñar proxectos de enxeñería, pero sen capacidade produtiva real, con pouca ou nula posibilidade para construír e sen persoal, o que a abocaría a externalizar a construción.

Retomar a construción do dique

O secretario nacional de CIG-Industria fixo especial fincapé na necesidade de que se retome a construción do dique, que hai uns anos todas as administracións tiñan orzamentado e que hoxe semella ser un proxecto esquecido.

Lembrou que por parte do goberno intentou xustificarse o abandono do proxecto argüíndo que a UE non permitía a súa construción. Porén asegurou que a CIG-Industria ten información de primeira man da propia empresa segundo a que o dique segue a ser imprescindíbel para manter, entre outras, a área de reparacións, e que a UE non pode vetar un proxecto destas características.

Lei do Sector Naval

Máis unha vez Bouzas insistiu na necesidade de que se exixa ao goberno galego que dea cumprimento á Lei do Sector Naval, aprobada polo Parlamento. Unha lei que contempla a participación da Xunta de Galiza no Consello de Administración de Navantia e que a propia Xunta incumpre.

Para a CIG-Industria todas estas cuestións son urxentes e por iso advertiu de que a xa crítica situación pode verse agravada por mor da situación política e as dificultades para a conformación do goberno do Estado. “Atrasar a aplicación deste Plan leva consigo atrasar a posta en marcha de medidas e esperemos que cando se queira botar a andar non sexa demasiado tarde”, concluíu.

Volver