A CIG-Administración Pública esíxelle responsabilidades ao alcalde de Culleredo e á concelleira responsábel en materia de Persoal despois de que o Xulgado do Social nº 1 da Coruña declarase que o Concello vulnerou o dereito fundamental á liberdade sindical dunha delegada. A sentenza considera que a actuación municipal carece de xustificación obxectiva e razoábel e ordena o cesamento da conduta vulneradora, amparando ademais os dereitos sindicais que o Goberno local se negara a recoñecer, como o crédito horario e o uso deste.
Ante unha condena destas características, a CIG-Administración “considera imprescindíbel coñecer como se chegou a esta situación, quen tomou a decisión, quen a avalou e quen decidiu mantela a pesar das reclamacións formuladas pola representación sindical”. Considera que o alcalde, José Ramón Rioboo, e a concelleira de Persoal, Marta Figueroa, deben dar explicacións sobre as decisións adoptadas polo Goberno municipal e sobre a súa responsabilidade na xestión deste conflito.
“Un Goberno que se define como progresista e socialista, con vinculacións e traxectorias públicas na actividade sindical, debería ter como principio básico o respecto aos dereitos das persoas traballadoras e das súas organizacións sindicais”, asevera a responsábel de Administración Local da CIG da Coruña, Cristina Díaz. Subliña que unha condena por vulneración dun dereito fundamental non pode resolverse simplemente pasando páxina, “senón que debe haber explicacións e deben depurarse as responsabilidades que correspondan”, sobre todo atendendo a que é a veciñanza de Culleredo quen ten que soportar as consecuencias económicas destas decisións.
A situación resulta aínda máis grave porque o Concello decidiu non recorrer a sentenza, que xa é firme, e malia iso segue sen abonar a indemnización estabelecida pola resolución xudicial. A este respecto, Díaz afirma que se pode aceptar que “quen xa soportou o conflito, o desgaste e o proceso xudicial teña que volver iniciar actuacións para reclamar aquilo que a xustiza xa lle recoñeceu. Obrigar a unha persoa a emprender unha nova batalla xudicial para conseguir o cumprimento dunha resolución firme suporía prolongar as consecuencias do dano sufrido e convertela, de novo, en responsábel de reclamar que a Administración cumpra coas súas obrigas”.
Por iso, a CIG esíxelle ao alcalde de Culleredo o cumprimento inmediato e íntegro da resolución, incluído o pagamento da indemnización recoñecida, “porque as sentenzas non son recomendacións nin interpretacións xurídicas”. A CIG continuará defendendo a liberdade sindical na negociación, na mobilización e nos tribunais, utilizando todas as vías necesarias para garantir que os dereitos das persoas traballadoras e da súa representación sindical sexan respectados.