CIG-Ensino pide mellora de recoñecementos médicos e avaliación de riscos dos centros de traballo docentes

Considera que vixiar a saúde non pode ocasionar custes económicos nin de tempo ao profesorado

Nacional -

A CIG-Ensino reclamou esta mañá na reunión do Comité Intercentros de Saúde Laboral (máximo órgano nesta cuestión de representación paritaria entre sindicatos e administración) que se melloren e amplíen os recoñecementos médicos do persoal docente. En concreto volveu incidir en que este servizo debería ser prestado pola sanidade pública e, como moito, a nivel comarcal para non repercutirlle ao persoal ningún custe, nin temporal nin económico.

Neste sentido, o representante da central nacionalista neste órgano lembrou que a Lei 31/1995 de Prevención de Riscos Laborais estabelece que calquera medida relativa á seguridade e á saúde non debe recaer nos traballadores nin traballadoras polo que, no caso de que estes se teñan que desprazar, a Xunta debería abonarlles os custos derivados desta circunstancia.

En concreto, insistiu na denuncia que presentamos no seu día con respecto ás mulleres que teñen que desprazarse até unha cidade, nalgún caso máis de 100 quilómetros de distancia, para realizar as revisións xinecolóxicas correspondentes. De momento non recibimos ningunha solución por parte da Consellaría ao respecto, nin para este curso nin de cara a próximos anos.

En canto a incluír melloras na campaña de vixilancia da seguridade e a saúde laboral deste colectivo, a CIG-Ensino propuxo realizar un estudo exhaustivo nos talleres nos que se imparten ciclos de Formación Profesional, así como unha avaliación de riscos dos centros de traballo pertencentes á Consellaría de Educación.

Neste último punto é importante sobre todo ter en conta calquera risco específico que poida afectarlle ao embarazo, ben por circunstancias inherentes ao centro de traballo (laboratorios, talleres…) como polos labores propiamente ditos do posto laboral (manipulación de residuos ou de maquinaria perigosa, uso de gases, pinturas ou outros elementos tóxicos, inhalación de po…) Ambos estudos deberían marcar a política de prevención para este colectivo de cara ao próximo ano, sobre todo co fin de poñer a disposición do profesorado as medidas de protección necesarias para eliminar ou minimizar os riscos profesionais deste sector.

Catálogo de enfermidades profesionais

Por outra banda, o representante do sindicato maioritario do ensino público volveu reclamar a elaboración dun catálogo de enfermidades profesionais do profesorado. Segundo o Real Decreto 1299/2006 a única que temos recoñecida para o noso sector son os nódulos nas cordas vocais.

Porén, existen moitas outras enfermidades que, a pesares da súa grande incidencia entre o colectivo ensinante, non están incluídas nin recoñecidas dentro do cadro específico: enfermidades derivadas de riscos ergonómicos debido á inadecuación de mobiliario ou a posturas forzadas e, sobre todo, riscos psicosociais relacionados con situacións de violencia física e psicolóxica por parte de alumnos/as, pais e nais, síndrome de burnout, insatisfacción, carga excesiva de traballo como resultado dunha mala organización do traballo, enfermidades endocrinas, mentais, cardiovasculares, gastrointestinais e respiratorias, entre outras moitas.

Desde a CIG-Ensino porfiamos en que é necesario abordar o estudo destas últimas doenzas para instar ao seu recoñecemento como enfermidades profesionais, aos efectos legais, dos e das docentes.

Volver