CIG-Ensino logra que a consellaría aumente nun 45% as prazas do Concurso Específico de Orientación

A administración aceptou aumentar en 42 as prazas previstas

Nacional -

A CIG-Ensino presentou, o pasado venres día 3 de novembro,na xuntanza celebrada coa Subdirección Xeral de Recursos Humanos, unha proposta de vacantes acordada previamente cos centros para dotar de estabilidade o persoal de orientación de Infantil e de Primaria. A consellaría de Educación aceptou finalmente aumentar en 42 as prazas que aparecían nun principio no borrador da Orde que regulará este concurso.

A xuntanza foi solicitada pola CIG-Ensino na Mesa Sectorial do pasado 24 de outubro para negociar coa administración as vacantes que van saír no Concurso Específico de Orientación, cuxa convocatoria sairá publicada no DOG. Froito dun traballo de colaboración coas direccións e co profesorado de todos os centros afectados, a central sindical elaborou previamente unha proposta “seria e realista” das prazas definitivas que é preciso convocar para dotar de estabilidade as xefaturas de departamento de Orientación dos centros de Infantil e de Primaria.

Esa proposta foille remitida á administración para o seu debate na mesa técnica na que se logrou o seu compromiso de incrementar nun 45% o número de vacantes inicialmente contempladas no borrador da orde do concurso. En total, a administración aceptou aumentar en 42 as prazas previstas e comprometeuse así mesmo, a instancias da CIG-Ensino, a publicar no anexo da convocatoria os centros adscritos, aínda que estes varían de ano en ano, polo que é preciso actualizar anualmente as posíbeis resultas dos centros.

Esta información é de grande valor para o profesorado que presta servizos en materia de atención á diversidade porque maioritariamente teñen que compartir varios centros, de aí que á hora de concursar precisen coñecer non só o centro base senón tamén os que van ter adscritos no seu día a día.

Maior atención á diversidade

Malia o aumento de vacantes, a CIG-Ensino considera que son insuficientes e seguirá a reclamar que se dote de persoal definitivo os departamentos de Orientación para atender as Necesidades Específicas de Apoio Educativo (NEAE). De feito, na listaxe entregada á Consellaría quedaron varias vacantes por incorporar ao concurso. “Entendemos que a escusa de Educación de estar á espera, en determinadas zonas, de como quede finalmente a rede galega de centros con orientación non se sostén por máis tempo”, explica Diego Boquete, secretario de Acción Sindical, tras a reunión.

“A oferta final de vacantes segue sen cumprir o noso obxectivo de dotar todos os centros que actualmente contan con profesorado provisional con profesorado definitivo, de aí que as nosas reivindicacións con respecto á mellora da atención á diversidade e á calidade do ensino seguen plenamente vixentes”, conclúe. 

Volver